O Executivo municipal de Láncara que preside o socialista, Darío Piñeiro, aprobou hoxe na Xunta de Goberno Municipal un plan de impulso do rural, dotado de 120.000 euros, para melloras nas 26 parroquias do municipio. Os socialistas someterán á votación do Pleno municipal este proxecto de investimento a executar en 4 anos.
O alcalde, destacou que “será un plan participativo, pois manteremos unha reunión conxunta cos pedáneos dos 26 núcleos rurais e faremos visitas a cada unha das parroquias para facer o mesmo cos propios veciños. Todo isto co obxectivo de coñecer as súas necesidades e darlles resposta con este proxecto”. Xunto coas propostas que fagan pedáneos e veciños, o plan incluirá melloras nas vías municipais, como arranxos de camiños, limpeza de cunetas ou traballos de roza.
O Rexedor explicou que outra das cuestións que abordarán cos cidadáns durante estes encontros na totalidade das parroquias de Láncara será o PXOM, posto que o Goberno socialista quere coñecer de primeira man as preocupacións veciñais sobre o mesmo e, deste xeito, estudar posibles modificacións.
Asemade a Xunta de Goberno Municipal tamén acordou un investimento de 30.000 euros para mellorar a ruta de sendeirismo da Pobra de San Xiao e Mazán. Con este presuposto, acondicionaranse os accesos, incrementarase a sinalización ou colocaranse papeleiras, entre outras actuacións.
Estes traballos súmanse as 10 medidas urxentes do plan para a posta en valor da Pobra de San Xiao. Darío Piñeiro informou sobre a posta en marcha deste iniciativa e destacou que xa realizaron algunhas actuacións da mesma, como a rexeneración de beirarúas e limpeza de contedores de lixo.