A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este xoves unha reunión con membros da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APEHL), co seu presidente á fronte, Cheché Real ao que acompañaban o secretario Jacobo García e o vocal Manuel Fernández, entre outros, nun encontro que se enmarca dentro da toma de contacto da rexedora co tecido asociativo e empresarial da cidade.
Durante a xuntanza, Lara Méndez avanzoulle á asociación empresarial que, “unha vez rematado o verán, manteremos reunións cos distintos colectivos para presentarlles o borrador da nova ordenanza da ORA e coñecer as súas propostas”.
Méndez aproveitou a ocasión para renovar o compromiso municipal coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, garantindo a continuidade do apoio do Concello con diversas iniciativas da entidade, como o concurso de tapas. “Aproveitaremos o traballo común entre APEHL e Concello para impulsar a marca E para comer, Lugo; para potenciar a cidade como destino gastronómico”, asegurou a Alcaldesa, quen destacou que a hostalería “é un sector estratéxico, un dos piares da nosa economía”. A rexedora lembrou que o Concello colabora con APEHL cunha subvención nominativa anual de 15.000 euros.