A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, iniciará a vindeira semana unha rolda de contactos con representantes dos Consellos Reguladores das distincións que identifican os produtos con calidade diferenciada na provincia. Invitaraos a facer propostas de cara a elaboración dos orzamentos de 2016.
A presidenta da institución considera “necesario” manter reunións con estes órganos, que teñen por función protexer os produtos aos que se lle outorgaron recoñecementos (IXP ou DOP) polas súas características “derivadas tanto do seu ámbito xeográfico, como da súa materia prima ou da súa elaboración” e que se converten “nunha base fundamental de xeración de riqueza na provincia e marcan a nosa identidade no exterior”.
Dende a Deputación de Lugo comézase a darlle cumprimento ao propósito de manter reunións con agrupacións culturais, deportivas e, “por suposto” cos Concellos, para a elaboración dos orzamentos “porque eles coñecen as necesidades dos seus veciños”. No marco desta rolda de contactos terán importancia as xuntanzas coas asociacións de carácter social dada a prioridade do Goberno provincial polo benestar.