A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Mari Teijeiro, e o Deputado Delegado de Deportes, José Manuel Yanes Ginzo, presentaron esta mañá a primeira edición do torneo Deputación de Lugo a prol da Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Lugo (AFALU); unha actividade que se organiza logo da xuntanza mantida entre Mari Teijeiro e a asociación para recadar fondos económicos para dita Entidade.
Durante a presentación do torneo, que terá lugar a terceira fin de semana de setembro (os días 18, 19 e 20) nas pistas de Padel do Polígono de O Ceao, Teijeiro recalcou o compromiso da Deputación de incrementar as axudas e apoio ás asociacións sociais da provincia e manifestou que con esa meta traballa o Partido Popular desde que chegou ao Goberno Provincial.
A Vicepresidenta Segunda resaltou o traballo das entidades sociais, ás que definiu como un dos piares básicos do benestar e puxo en valor o seu traballo nos 365 días do ano para cubrir as necesidades específicas das persoas que forman parte dos seus colectivos.