Empresarios, comerciantes e hostaleiros de Lugo manifestan o seu apoio ao sector lácteo

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Federación de Comercio de Lugo (FCL) e a Asociación Provincial de Hostalaría e Turismo de Lugo (APEHL) manifestan a través deste comunicado o seu apoio ao sector lácteo lucense, “un dos máis importantes da provincia tanto por volume de emprego coma de riqueza económica xerada”.

Diante da a tractorada prevista para este xoves en Lugo, dende estas organizacións empresariais manifestan a súa comprensión ante as mobilizacións promovidas polos gandeiros e comparten a súa preocupación pola problemática que viven.

Asemade, destacan que o sector agroalimentario en xeral é clave para Lugo. “O desenvolvemento que está a experimentar nos últimos anos, coa aposta polo peche de ciclos produtivos e a creación e crecemento de empresas pequenas pero punteiras que dan valor ás materias primas de calidade, resulta sen dúbida fundamental para un territorio no que aínda falta moito por percorrer precisamente nese camiño cara a unha industrialización do século XXI”.

CEL, FCL e hostaleiros entenden que as Administracións Públicas responsables nesta materia han de exercer nestes momentos o necesario papel de mediador e habilitar medidas que acheguen solucións duradeiras para o sector, que garantan a viabilidade das explotacións sen menoscabo do necesario desenvolvemento das empresas lácteas.

Cren que o consenso é posible e que sen dúbida produtores, industrias e distribuidores poden de forma conxunta, co apoio das Administracións competentes, establecer as bases para que o conxunto das partes implicadas encontren vías de futuro para consolidar o sector.

 

Sindicato Labrego Galego

Doutra banda, o Sindicato Labrego Galego advirtiu hoxe que as axudas anunciadas polo Ministerio de Agricultura, consistentes en subvencionar con 300 € por vaca aquelas granxas que estean a sufrir perdas polos baixos prezos do leite, “poden ser un paliativo temporal do problema pero nunca a solución”.

Para o SLG, estas axudas poden ser positivas sempre e cando se entendan como unha compensación puntual a unhas perdas extraordinarias “debidas a uns prezos anormalmente baixos dos que as granxas son vítimas. Se o que queremos son solucións a un problema que xa resulta endémico no lácteo e noutros sectores agrogandeiros, a única solución posible é a de fixar un prezo que cubra os custes de produción e que permita ás granxas ingresar unhas rendas dignas polo seu traballo; calquera outra medida será un parche que pode axudar momentaneamente, pero non solucionará o problema”, subliñaron dende o sindicato.

Por último, o SLG afirmou que se o Ministerio de Agricultura quere que as axudas anunciadas sexan efectivas para paliar as perdas económicas que están encaixando dende hai meses as granxas leiteiras, “estas deberán ser suficientes en contía e beneficiar tódalas granxas afectadas pola crise sen discriminación de ningunha caste por pertencer ou non a unha determinada organización, asociación ou sindicato”, concluíron.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com