A Deputación de Lugo reparte 5.000 publicacións informativas sobre os Camiños Norte e Primitivo a través das que dá a coñecer o valor patrimonial, artístico e cultural así como as diferentes paisaxes que se presentan nos distintos treitos ao longo destas Rutas Xacobeas.
O Goberno lucense explicou que a distribución realizarase nas distintas etapas da volta ciclista en Asturias e Cantabria, así como nos albergues oficiais da provincia tanto no Camiño Norte como no Primitivo, a maiores de noutras instalacións de referencia para os peregrinos como poden ser os centros de interpretación do Camiño.
O obxecto da distribución desta publicación é que os peregrinos e visitantes dispoñan dunha guía informativa sobre estes dous Camiños que ganaron proxección internacional. A través dela poden coñecer o patrimonio cultural e artístico co que os peregrinos se atopan nos distintos municipios polos que transcorren estas Rutas Xacobeas.
A publicación desenvólvese en base ás etapas do Camiño Norte e Primitivo por Lugo e, en cada unha delas, convértese nunha guía turística de cada un dos concellos. Esta edición ademais de tratarse dun medio de publicación e promoción das Rutas Xacobeas Patrimonio da Humanidade, tamén é un libro aberto de promoción turística dos recursos que ofrecen as distintas localidades.
A Deputación de Lugo está a realizar actuacións en estradas provinciais para garantir a seguridade dos peregrinos en puntos perigosos e agora lanza esta proposta centrada na promoción do Camiño e na posibilidade de que os peregrinos dispoñan dunha guía centrada nestas dúas rutas Xacobeas.