O Concelleiro de Deportes e Infraestruturas Urbanas, José Manuel Díaz Grandío, e o tesoureiro da Agrupación Cultural e Deportiva Fefeme Tríatlon do Miño, José Ángel Fernández, presentaron este xoves no Salón de Plenos o XXVII Tríatlon do Miño Campionato Galego de Tríatlon 2015, que se celebrará o vindeiro domingo, 6 de setembro, a partir das 10:00 horas, na área recreativa Los Robles, no entorno do río Miño e na estrada de Ombreiro. O Concello colabora con esta iniciativa posto que se enmarca na súa decida aposta por promover as actividades deportivas saudables ao tempo que se impulsa a cidade de Lugo. Ao acto tamén asistiu o Presidente da Federación Galega de Tríatlon, Paco Villanueva, e o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero.
No acto, Grandío cualificou este certame deportivo “como unha das probas máis veteranas do caledario deportivo lucense, galego e español que reúne aos mellores deportistas de elite do panorama actual na provincia punteira deste deporte, en Lugo”.
Pola súa banda, Fernández agradeceu a colaboración da entidade local para levar a cabo este certame deportivo, no que están inscritos máis de 200 deportistas.
A saída para a proba Nada e Corre benxamín, alevín e infantil non competitivo será ás 10:00 horas. Os cativos e cativas participantes nadarán 150 metros e correrán outros 500 metros. Cinco minutos máis tarde, ás 10:05, está programada a saída da proba popular sprint, que contempla 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé en categoría cadete, junior sub-23 e veteráns. Ás 11:20 e ás 12:30 será a saída da proba feminina e masculina respectivamente. A recollida de dorsais será na carpa de organización nas inmediacións dos Robles, de 09:00 a 10:50 horas, menos para a proba popular que será de 08:45 a 09:45 horas. As carreiras rexeranse segundo as normativas vixentes do Regulamento Oficial de Competición da Federación Galega de Tríatlon.
Os premios, que se entregarán ao redor das 14:00 horas, consisten e trofeos para os tres primeiros clasificados ou clasificadas de cada categoría, 150 euros ao 1º clasificado masculino e feminino, 100 euros ao 2º clasificado masculino e feminino, e 50 ao 3º clasificado. Para os primeiros clubs, tanto masculinos como femininos, haberá un premio de 200 euros. O 1º e 1ª deportistas da provincia recibirá 150 euros. Ademais, todos os que rematen a proba recibirán un agasallo conmemoratio. Na proba Nada e Corre os premios consisten em trofeos para os 3 primeiros de cada categoría e un agasallo conmemorativo para todos os participantes.