A Deputación formaliza un novo compromiso co sector pesqueiro

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, asinou esta tarde un convenio de colaboración coa Federación Provincial de Confrarías da Provincia para formalizar un novo compromiso do Goberno lucense co sector pesqueiro.

O acto oficial de sinatura celebrouse no Museo do Mar de San Cibrao e nel, ademais de Candia e do presidente da Federación, José Basilio Otero, tamén participaron o deputado provincial responsable da área de Pesca, Demetrio Salgueiro; os patróns maiores dos pósitos (Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Cibrao e O Vicedo) así como as mariscadoras activas afiliadas ás confrarías.

A subvención excepcional concedida pola Deputación de Lugo á Federación Provincial de Confrarías, por un importe de 19.000 euros, diríxese a sufragar custos, por un lado, de divulgación, promoción e publicidade das actuacións que realiza a Federación e, por outro lado, de dotación de medios materiais (traxes de neopreno) ás mariscadoras activas afiliadas ás confrarías.

Candia explicou que con esta liña de axudas están a dar resposta a unha petición formulada por representantes do sector nunha das últimas reunións que o Goberno provincial mantivo cos traballadores vinculados ao Mar. “Actuamos de xeito inmediato, a maiores de axilizar a tramitación das axudas que estaban pendentes e que ían destinadas, por importe de 95.285,07 euros, a propietarios de embarcacións de pesca de baixura”, lembrou Candia, quen engadiu que “tamén puxemos fin a unha inxustiza, xa que as mariscadoras non podían acceder ás liñas de axuda xa aprobadas”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com