O Concello de Lugo, facéndose eco das demandas dos veciños, esixiralle ao Ministerio de Fomento que corrixa as deficiencias das vías de servizo da A-54 nas parroquias de Coeo, Nadela, Soñar, Monte de Meda, Bazar, Esperante, Coeses e Santiago de Sáa.
Así o anunciou este venres o voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, quen supervisou e coñeceu as deficiencias dos viais da man de representantes veciñais de ditas oito parroquias.
Fernández, quen avanzou que os enxeñeiros do Concello están a traballar nun informe para avaliar esta situación e presentalo en Fomento, denunciou “o lamentable estado no que se atopan as vías de servizo da autovía, pois 3 meses despois da finalización das mesmas, os accesos xa presentan baches, defectos nas taxeas, ou deficiente pavimentación, o que dificulta a circulación de todos os veciños e veciñas do rural para o normal desenvolvemento das súas actividades”.
“Son obras menores, pero non por iso menos relevantes, xa que cobren as necesidades básicas dos veciños. Fomento ten a obriga de dar solución aos veciños de xeito inmediato”, sentenciou o edil.
“Garantir as dotacións do rural é un dos compromisos do Concello”, afirmou o voceiro, posto que se enmarca na aposta da entidade local por mellorar a calidade de vida e os servizos dos veciños e veciñas lucenses. Neste senso, Miguel Fernández lembrou que o rural supón o 80% do territorio do municipio e o 10% da poboación.