A Xunta licita a contratación da obra de acondicionamento do Camiño Primitivo

A delegada territorial da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias, valorou moi positivamente a licitación para a contratación das obras de acondicionamento do Camiño Primitivo. “Este investimento da Xunta é de gran relevancia para a variante interior do Camiño do Norte xa que esta ruta xacobea non deixa de aumentar en afluencia de peregrinos e esperta cada día un maior interese”, sinalou Raquel Arias esta mañá.

“A Xunta quere aproveitar ao máximo o potencial turístico da provincia de Lugo. O Camiño é, sen dúbida ningunha, un dos nosos reclamos fundamentais, aínda máis despois de ser declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”, apuntou a delegada territorial.

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a licitación para a contratación, non suxeita a regulación harmonizada, da obra relativa ao proxecto de construción de acondicionamento do Camiño de Santiago do Norte. Ruta do Interior. Camiño Primitivo ou de Oviedo, tramitado polo procedemento aberto con pluralidade de criterios e documentalmente simplificado.

A Axencia Turismo de Galicia tramita o expediente a través da súa Xerencia de maneira ordinaria. O orzamento base da licitación ten un importe total de 572.102,65 euros e o prazo de execución da obra será de catro meses. A obra está cofinanciada nun 80% polo programa operativo Feder Galicia 2014/2020.

A data límite de presentación de ofertas corresponde ao vixésimo sexto día natural contado a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De ser domingo ou festivo, o día de finalización do prazo prorrogarase ata o primeiro día hábil. As proposicións presentaranse no Rexistro da Axencia Turismo de Galicia, en Santiago de Compostela, ou ben por correo aténdose ao previsto na cláusula 13.2 do prego de cláusulas administrativas particulares.

Os criterios de adxudicación terán en conta a oferta máis vantaxosa seguindo os criterios que figuran no prego de cláusulas administrativas particulares. Máis información na web www.contratosdegalicia.es e nos teléfonos 981 54 74 99 (información de índole administrativa) e 881 99 60 68 (información de índole técnica).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com