O SLG continuará coa campaña de mobilizacións en Compostela e Bruxelas para solucionar a crise do sector lácteo

Trala xuntanza celebrada a pasada noite do venres en Lugo entre a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, e un grupo de gandeiros, dende o Sindicato Labrego Galego reafírmanse en continuar coas mobilizacións “até que os gobernos de Galicia, do Estado e da Unión Europea lexislen para defender os intereses dos produtores e das produtoras fronte aos abusos e o espolio a que están a ser sometidos e sometidas, impunemente, pola industria e pola distribución”.

En concreto, o Sindicato Labrego Galego, no seo da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, porá todos os seus recursos en dar continuidade á campaña de mobilizacións galega que, tras pasar polas principais comarcas gandeiras do país, recalará en Compostela hoxe, 7 de setembro. A maiores, coincidindo coa xuntanza do Consello de Ministros e Ministras de Agricultura da UE, tamén participarán hoxe nas manifestacións que terán lugar en Bruxelas polo mesmo motivo, onde acudirá a secretaria xeral do sindicaro, Isabel Vilalba Seivane, en calidade de representante do sector lácteo da Coordinadora Europea da Vía Campesina.

As mobilizacións de Compostela comezaron cunha tractorada. Os tractores concéntranse na explanada de Salgueiriños e dende das 12:00, fan un percorrido por toda a cidade. Os actos de protesta continuarán o 8 e 9 de setembro con manifestacións nas áreas comerciais de Fontiñas e As Cancelas, para rematar cunha grande marcha o día 10, dende Salgueiriños até San Caetano.

Dende o Sindicato Labrego Galego anuncian que participará activamente nas tractoradas de Compostela e Bruxelas deste 7 de setembro “porque entendemos que as medidas anunciadas pola Consellaría de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura non serven nin para paliar a situación, nin moito menos para solucionar o problema. E o problema é unha política leiteira que sacrifica miles de explotacións na Galiza e en toda a Unión Europea cada ano para ir cara a un modelo no que uns poucos miles de macrogranxas industriais concentradas no centro de Europa produzan o leite que hoxe sae de 650.000 explotacións distribuídas por todo o medio rural europeo. Un modelo que ameaza con facer desaparecer a produción de leite na Galiza da que hoxe viven, directamente, 9.300 granxas coas súas familias e, indirectamente, ducias de miles de persoas e empresas”.

Dende o sindicato explican que seguirán a pedir leis que protexan aos gandeiros e ás gandeiras “dos abusos da industria e da distribución, leis que prohiban vender leite a prezos inferiores do que custa producilo, leis que protexan a capacidade produtiva de Galiza ou leis que fagan posible a negociación de contratos en pé de igualdade e garantan o seu cumprimento”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com