O portavoz do Grupo Municipal Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, insta ó Concello a tomar a iniciativa e apremiar á Xunta de Galicia a que convoque unha “mesa do leite”.
“Non é suficiente con facer unha declaración institucional e poñerse detrás da pancarta nas manifestacións. Dende Lugonovo consideramos que o Concello ten a obriga de facer todo canto esté na súa man e traducir toda a vontade que amosou ata o de agora en feitos que axuden á resolución desta crise”.
Despois de cinco días de tractorada ininterrompida polas rúas da cidade, Lugonovo insiste en que foi a deixadez dos anteriores gobernos estatais e autonómicos a que impediu a implantación de medidas estruturais tan necesarias como resolutivas á hora de evitar a situación na que se atopa o sector. “Un panorama no que a viabilidade futura de moitas explotacións dependerá de que, como mediador competente, a Xunta de Galicia convoque unha mesa do leite ca fin de que produtores e distribuidores fixen un prezo mínimo e xusto que garantice a súa supervivencia”.
Dende Lugonovo apostan por impulsar tamén desde os concellos, ese diálogo como única ferramenta de negociación posible no mercado actual, e traslada ó equipo de goberno “a necesidade de poñer en marcha outras actuacións que aínda sendo de carácter local, sirvan de axuda ós gandeiros e agricultores como é o caso da Oficina Rural Municipal, aprobada por maioría no Pleno do mes de xullo por iniciativa deste Grupo”.
Asemade, o portavoz, Santiago Fernández Rocha, considera convinte apelar a cidadanía para que continúe sendo, por unha banda, comprensiva cos gandeiros e coas consecuencias que está a supoñer a súa folga, e pola outra, para que sexa consciente tamén da problemática pola que están a atravesar e dos prexuizos que tería para a economía do país que o sector se fose a pique.
Ante a duración das súas protestas, Rocha destacou que “estamos ante o nacemento dunha nova época na que o funcionamento da democracia depende dunha autorreorganización social. A globalización está a poñer en claro que os actores clásicos quedaron sen capacidade operativa para denfender os intereses da poboación e isto produce unha frustración e un deterioro dos mecanismos dos Estados para levar adiante as demandas da sociedade civil. As institucións deberían ser conscientes de que se os labregos continúan protestando é pola incapacidade dos gobernos para ter cumprido con anterioridade a súa función, e por iso dende Lugonovo, cremos que ésta debería orientarse agora en liderar unha mesa de negociación que salvagarde os intereses dos produtores ós que tanto deixaron de lado”, concluíu.