A Deputación colabora coas obras de acondicionamento do consistorio de Baralla

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, formalizou hoxe o convenio regulador da subvención que o goberno provincial destina a colaborar coas obras de acondicionamento da casa consistorial de Baralla.

A Deputación de Lugo destina 40.000 euros a atender a este proxecto de actuación no edificio do Concello, ao que se lle suma unha subvención de tamén 40.000 euros da Xunta de Galicia, xunto aos 20.000 euros que aportará a propia administración local. Polo tanto, hoxe asináronse dous convenios, que suman unha achega total de 100.000 euros.

Candia explicou que se está a atender a unha petición do Concello de Baralla “claramente xustificada, tanto polo seu motivo como pola súa excepcionalidade”, e segundo a presidenta da institución provincial, darlle cumprimento a esta demanda da administración local “é moi necesario para restablecer o normal funcionamento do Concello e a prestación nas mellores condicións dos servizos municipais a todos os veciños. Estamos a prestar un apoio especialmente necesario”.

“O Goberno provincial marcouse coma un dos seus principais eixos de traballo a cooperación e colaboración cos concellos” e a resposta “unida que hoxe materializamos é un claro exemplo de que o traballo conxunto ten unha repercusión cuns efectos multiplicadores positivos”, dixo Candia.

Doutra banda, o deputado de Emprego, José Antonio García, explicou hoxe que dende a Deputación de Lugo xa se fixeron efectivos os pagos dos anticipos das subvencións aprobadas a 171 empresas e entidades beneficiarias do plan Ben Empregado I, posto en marcha polo anterior goberno.

Nestas empresas e entidades beneficiarias da primeira edición do Ben Empregado I están a prestar os seus servizos persoas seleccionadas a través deste plan de emprego, cuxo custo ás empresas cobre a Deputación. En concreto, os ingresos efectuados por este concepto superan o 1,7 millóns de euros e correspóndense co 50% das subvencións concedidas ás empresas e ás entidades.

José Antonio García explica que os pagos realizáronse por fases ao longo deste verán e en función de que as entidades e as empresas presentasen os seus informes e a documentación pertinente. “As últimas empresas en cobrar foron as 15 entidades nas que foi necesario cubrir de novo perfís vacantes, derivados de varios motivos como son a renuncia ao posto ou a causa de baixa voluntaria”, matizou o responsable de Emprego da institución provincial.

O deputado engadiu que só hai 24 entidades pendentes de que lle sexa aboado este anticipo por varios motivos, non ter entregada a documentación, estar os postos desertos e en proceso de que se cubran ou por problemas dados na tramitación administrativa. A maiores, o responsable de Emprego informou tamén que a próxima semana iniciarase o proceso de entrevistas para seleccionar aos beneficiarios dos 304 de traballos existentes no Ben Empregado II.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com