Lugonovo solicita que se axilice o inicio das obras de pavimentación de varias rúas e amósase satisfeito coa creación da Oficina de Asuntos Rurais

O portavoz do Grupo Municipal Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, preguntou esta mañá ao equipo de goberno polo praza para acometer as actuacións previstas para as rúas Poeta Noriega Varela e Pintor Corredoira, dúas vías que soportan moito tráfico rodado e que, dende hai moito tempo, presentan un estado moi lamentable.

“O pavimento en Noriega Varela é moi antigo e atópase moi danado. O firme non só está moi desgastado senón que tamén as redes de abastecemento precisan dun saneamento e dunha mellora importante. O mesmo acontece na rúa Pintor Corredoira, chea de fochancas que, cada día, se fan máis grandes e problemáticas”.

Lugonovo pídelle ó Concello que axilice a execución das actuacións previstas nestas partes da cidade” sen perder de vista ademais as necesidades que no mesmo senso, ten outro punto da capital como é a estrada que une As Gándaras co Sagrado Corazón. Unha vía moi transitada e que, nalgunha parte do seu traxecto, presenta tamén graves deficiencias do firme”.

“As Gándaras é un dos barrios máis esquecidos de Lugo. Os veciños non poden seguir agardando a que se materialice o Plan Paradai mentras asisten a un agravamento continuo do que xa está feito. Toda a zona precisa dunha actuación integral a nivel xeral, que garanta a dotación de servizos e a urbanización das beirarrúas, pero mentras iso non chega é urxente que se repare a parte do asfaltado que xa se deteriorou”, concluíu Fernández Rocha.

Doutra banda, os concelleiros de Lugonovo reuníronse esta mañá co voceiro do goberno local, Miguel Fernández, para iniciar a creación da Oficina de Asuntos Rurais, unha ferramenta, proposta por este Grupo Municipal no anterior Pleno do mes de xullo, que foi aprobada pola maioría da Corporación e que pretende convertirse nun elemento de axuda e apoio ós labregos da comarca.

Tralo encontro de hoxe, o portavoz, Santiago Fernández Rocha, valora moi positivamente que o Concello esté a dar os primeiros pasos para a súa constitución. “Agardamos que esta Oficina sexa unha realidade o máis pronto posible e que, pouco a pouco, se podan ir sentando as bases para enchela de contidos á disposición dos veciños do rural”.

Lugonovo califica de fundamental a posta en marcha inmediata desta Oficina á que considera “se lle debera dotar de varias funcións. Entre elas, a máis relevante é a de prestar asesoramento e facer o seguimento de tódolos trámites precisos así como dos expedientes iniciados para obter calquera tipo de permiso ou licencia relacionada ca instalación de explotacións no medio rural e a execución de obras de reforma. O que incluiría suxestións e recomendacións sobre as zonas máis apropiadas para desenvolver cada actividade”.

O Grupo Municipal Lugonovo apunta ademais a que sendo posible, dende a Oficina puidese aportarse tamén toda a información relativa ás diferentes liñas de axuda, subvencións, etc… que se poden solicitar segundo sectores, volume de negocio e outras características específicas.

“Sería moi positivo orientar aos produtores de cara a unha mellora do rendemento promovendo ademais fórmulas como o cooperativismo o asociacionismo ou diferentes sinerxías. A Oficina podería traballar como interlocutor cualificado para propiciar o cruzamento de datos entre varios produtores fomentando entre eles o intercambio de servizos, maquinaria, experiencia, etc…”

Outra das súas tarefas sería a xestión e organización de cursos de formación e para a mellora da competitividade así como estudar as posibilidades de cada negocio, aportando ideas para conseguir a súa diferenciación e que esa identidade propia garanta a súa supervivencia no mercado.

“Cremos que a Oficina podería encargarse ademais da supervisión e control do cambio de normativas e lexislacións. Unha labor crucial sería a de manter ao tanto aos gandeiros e agricultores das modificacións legais que vaian entrando en vigor, así como da necesidade de adaptar o seu negocio ás mesmas, correxindo as deficiencias antes das inspeccións correspondentes e evitando así sancións e multas”

Contidos e funcións, todas elas importantes, que se poderían ir asumindo, segundo Lugonovo, sempre que o Concello lles poida dar soporte e dun xeito progresivo para atender as demandas e as necesidades dos veciños do rural.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com