O Grupo Provincial Socialista presentou esta mañá un recurso no Xulgado Contencioso Administrativo para denunciar que “o Goberno de Candia é ilegal, pois os nomeamentos dos Vicepresidentes, Delegados de Área e membros da Xunta de Goberno fixéronse á marxe da Lei. Este é un caso sen precedentes na provincia, posto que se cuestiona a legalidade dos acordos adoptados polo Executivo irregular do PP na Deputación de Lugo, que poderían ser considerados nulos de pleno dereito, tal e como establece a lexislación vixente”.
Así o avanzou hoxe o vicevoceiro do PSOE, Álvaro Santos Ramos, que subliñou que “Candia amosa que está totalmente incapacitada para presidir a Deputación de Lugo cando nin tan sequera foi quen de nomear un Goberno Provincial axustándose á Lei. Un goberno que non cumpre coa legalidade, como é o de Candia, non está lexitimado para gobernar aos cidadáns. Candia creou o Goberno da Catástrofe para a provincia de Lugo”.
Dende o Partido Socialista afirman que segundo o Real Decreto 2568/1986 do Reglamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais; a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local; a Lei da Administración Local de Galicia, e o propio Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo, establecen as seguintes obrigas legais, “todas eles incumpridas por Candia”:
– Os Vicepresidentes/as son nomeados polo Presidente/a entre os Deputados/as provinciais pertencentes á Xunta de Goberno Provincial. É obrigatoria a existencia de Vicepresidentes, posto que é un órgano necesario fixado pola ley, o que conleva que na Xunta de Goberno estén os Vicepresidentes, podendo entenderse que ata que os mesmos non formen parte da mesma, esta non estará constituída conforme ao dereito.
“Candia non integrou na Xunta de Goberno nin ao Vicepresidente Primeiro, José Antonio García López, nin á Vicepresidenta Segunda, María de los Ángeles Teijeiro González. Polo tanto, a constitución da Xunta de Goberno é contraria á Lei e todos os acordos adoptados pola mesma poderían ser nulos de pleno dereito”.
– O Presidente/a pode delegar o exercicio de determinadas atribucións nos membros da Xunta de Goberno Provincial, aquelas que supoñen delegación xenérica ou de área.
“Candia tamén levou a cabo delegacións xenéricas de área de goberno a favor de Deputados que non forman parte da Xunta de Goberno. Son os caso de José Antonio García López, Deputado da Área de Emprego e Demografía; e de María de los Ángeles Teijeiro González, Deputada da Área de Benestar, Igualdade e Xuventude. “Isto supón que os nomeamentos dos dous Vicepresidentes tampouco se axustan á legalidade e os acordos adoptados polos mesmos tamén poderían ser nulos de pleno dereito”, concluíu o deputado socialista.
Pola súa banda, o voceiro do Goberno da Deputación de Lugo, Carlos Armesto, defendeu a “validez tanto de todos e cada un dos actos administrativos ditados pola Xunta de Goberno como da constitución deste órgano”.
Carlos Armesto explicou que os acordos adoptados en Xunta de Goberno son “correctos” e “lexítimos” xa que a presidenta da Deputación estivo en todas as sesións celebradas, a diferenza do que facía o anterior responsable da institución que “non se deixaba ver nas Xuntas de Goberno”. A maiores, o voceiro do Goberno tamén deixou claro a válida constitución da Xunta de Goberno e explicou, neste senso, que o nomeamento dos seus membros é previo ao dos vicepresidentes.
No tocante delegación de competencias, o veceiro asegura que non existe ningún efecto xurídico “dado que non hai ningunha competencia resolutiva delegada, residen todas na Xunta de Goberno, no Pleno e na Presidencia”. De todos modos, Carlos Armesto engadiu que “de existir algún erro en canto ao proceso de nomeamento dos vicepresidentes, actuaremos en consecuencia e corrixirémolo, xa que o principal afán do Goberno provincial é actuar sempre en cumprimento da lei”.
O popular afirmou que “son moitas as irregularidades administrativas feitas públicas en proxectos de gran importancia na Deputación de Lugo co goberno socialista como é o caso da Granxa Gayoso Castro, e a maiores existen outras actuacións de gran alcance que lamentablemente non compren coa legalidade e que están a piques de saír á luz”.
Para rematar, o voceiro do goberno da Deputación de Lugo esíxelle á oposición que “deixe de facer ruído e pídelles que “fagan unha oposición leal en defensa dos dereitos dos veciños da provincia”.