O Concello de Lugo aprobará na Xunta de Goberno Local deste mércores a adxudicación de obras de pavimentación nas rúas da principal zona industrial de Lugo, o polígono do Ceao. Así o avanzou este martes o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen adiantou que se trata de melloras en nove rúas do “núcleo industrial máis importante da nosa cidade”, así como dunha glorieta, a súa vía de servizo e beirarrúas. O prazo de execución destas actuacións, que contan cun orzamento de 532.000 euros, é de tres meses.
“O Concello acometerá a renovación do pavimento das rúas do Ceao para adaptalo ás necesidades actuais do tráfico que circula diariamente polo polígono, que beneficiará a todos os que desenvolven o seu traballo neste parque empresarial”, destacou Fernández.
Os traballos de rexeneración do firme acometeranse na rúa dos Artesáns, Canteiros, Inspección, Agricultura, Vidrio, Mercadorías, Factorías, Carros e Industrias, así como na glorieta e nas beirarrúas de Beningno Rivera e na súa vía de servizo; interferindo o mínimo na actividade empresarial da zona.
Doutra banda, o voceiro municipal avanzou que este venres o Concello asinará o contrato para renovar a pavimentación da rúa Noriega Varela, petición que facía hoxe o grupo municipal Lugonovo, unha obra dotada con 102.300 euros que conta cun prazo de execución de 3 meses. A adxudicataria é Portosar Galicia. Os traballos, ao igual que os que afectarán a 18 rúas da cidade cuxa adxudicación aprobou o pasado mércores a Xunta de Goberno, comezarán despois das festas de San Froilán.