ACE propón unha fiscalidade progresiva que reduza a presión fiscal das rendas máis baixas

Alternativa Cidadá de Esquerdas presentou esta mañá en rolda de prensa as súas propostas para a elaboración das ordenanzas fiscais do vindeiro ano. Para o concelleiro Carlos Portomeñe, é urxente que “nos tempos de crise que estamos a vivir, nos que preto da metade das familias lucenses teñen problemas para chegar a fin de mes e 17.000 persoas seguen atopándose en risco de exclusión social”, o Concello revise o conxunto da aplicación de impostos, taxas e prezos públicos “para lograr unha fiscalidade progresiva e xusta”.

A idea é a de que paguen máis os que máis teñen, permitir a redución da presión fiscal para as rendas máis baixas, ao tempo que se garantan os recursos municipais suficientes para prestar servizos públicos universais e de calidade e para actuar en materia de política social.

“A conxelación liñal das taxas que anunciou recentemente o equipo de goberno e as propostas aportadas polo Partido Popular de reducción xeral da presión fiscal non contemplan as diferencias de renda existentes entre a cidadanía e esquecen os criterios de xustiza fiscal, equidade e de redistribución da riqueza”, afirmou Portomeñe.

“Hai que conxelar os impostos á banca? Hai que renunciar a cobrarlle impostos á igrexa católica? Unha familia mileurista debe pagar o mesmo pola auga e a recollida de lixo que unha con ingresos moito maiores?”, puntualizou o concelleiro.

Coas taxas e prezos públicos vixentes no Concello de Lugo “apenas existe diferencia entre o que paga unha familia de ingresos altos e o que paga unha familia con ingresos baixos. Por exemplo, para o recibo da auga e o lixo, a ordenanza número 109 só contempla deducións para familias perceptoras do RISGA e familias numerosas, polo que unha familia con ingresos de 6.000€ mensuais pagaría o mesmo que unha con ingresos de 2.000 €”.

O mesmo pasaría na Escola de Música Municipal, na que se contempla únicamente unha redución do 50% para o terceiro irmán matriculado ou se os proxenitores gañan menos de 601 € cada un, pagando o resto o mesmo sen diferencias por nivel de renda; ou na Piscina Municipal, que só ofrece descontos do 20% ás familias numerosas.

Neste contexto, Alternativa Cidadá de Esquerdas propón oito medidas “para acadar unha maior xustiza fiscal e impositiva, que permita aos milleiros de lucenses que están atravesando cada vez máis dificultades económicas, unhas mellores condicións de vida e lles garanta o acceso aos diversos servizos municipais”.

MEDIDAS

1. Introdución de índices corretores do pago que atenda á renda per capita da unidade familiar en todas as ordenanzas fiscais que o permitan legalmente, empezando polo recibo da auga.

2. Incremento do 50% da taxa aplicada ás entidades financeiras polo establecemento de caixeiros automáticos con acceso á vía pública.

3. Bonificacións nos trámites e licencias de apertura de establecementos comerciais ós autónomos que abran un primeiro negocio.

4. Aplicación dun recargo no IBI aos propietarios de múltiples vivendas, incrementado progresivamente este imposto a partires da segunda vivenda até chegar a un incremento do 50% a partir da 5a vivenda en propiedade.

5. Cobro do Imposto de Bens Inmobles a Igrexa Católica. A Igrexa ten no concello de Lugo 111 inmobles por un valor catastral de 27,5 millóns de euros.

6. Emprego gratuito do Auditorio Gustavo Freire para as entidades que consten inscritas no rexistro de asociacións do Concello de Lugo e non teñan ánimo de lucro.

7. Introdución de coeficientes de dedución ás familias monoparentais, ademáis das numerosas, nas ordenanzas fiscais referidas ós prezos da escola municipal de música, prezos de exames, prezos das escolas infantís, taxas polo emprego de infraestruturas culturais e sobre a tarifa da auga.

8. Taxa para gravar a publicidade en elementos de gran formato en mobiliario urbano, no transporte público e na publicidade móbil.

9. Penalizar aos propietarios que non conserven os seus inmobles e provoquen a posterior declaración de ruína, duplicando a taxa de declaración de ruína cando é o propietario quen a promove.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com