A eurodiputada Lídia Senra reitera dende Bruxelas o apoio de AGE ás mobilizacións polo leite

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, reiterou na mañá de hoxe en Estrasburgo o apoio e solidariedade ás mobilizacións que o sector leiteiro está a levar adiante na Galiza.

Senra, que aproveitou as dúas quendas de intervención concedidas durante a sesión plenaria desta semana[1] para lembrar as mobilizacións do sector e reiterar a esixencia dunha nova política leiteira europea, criticou contundentemente “a situación á que nos conduciron as medidas tomadas dende a UE, nomeadamente a aplicación do paquete lácteo,  o abandono da política pública leiteira e a conseguinte liberalización do sector”, decisións políticas que “deixan aos produtores/as de leite totalmente nas mans das industrias e da gran distribución”.

A estas alturas, sinalou, “todo o mundo é consciente de que o paquete lácteo foi un fracaso, pero nin o Partido Popular nin o Partido Socialista están dispostos a recoñecelo nin a reconducir a situación”.

Senra reiterou a esixencia de fixación de mecanismos “que garantan que en todo momento o leite vai ter un prezo mínimo que cubra custos e remunere o traballo”. Unha proposta que propón complementar ca evolución cara un novo modelo produtivo “en base á terra, aos pastos e aos forraxes que podemos producir no noso país e no conxunto da UE”.

Senra cuestionou o actual modelo produtivo por estar baseado na importación de soia e cereais doutros países, “un  sistema que provoca a ruína das produtoras/es da UE debido á xeración de excedentes que nos inducen a vender o leite máis barato e, por outra parte, que facilita que este leite desvalorizado economicamente sexa redirixido aos mercados internacionais arruinando a produtoras/es coma nós noutras partes do mundo”. Canda esta reorientación de modelo, a eurodeputada de AGEe plantexou como medida complementaria a distribución do dereito a producir “que permita que haxa moitas explotacións traballando e vivindo da produción de leite no noso país e en todo o territorio da UE, sendo parte fundamental dun mundo rural verdadeiramente vivo”.

Dende AGEe sinalamos como imprescindible “voltar a medidas de control de produción para poñer fin a esta crise, e que no futuro os produtores e produtoras de leite podan traballar dunha maneira estable e segura tendo claro que van percibir un prezo xusto polo seu traballo.”

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com