A asociación Lugo Monumental fará unha campaña entre os seus asociados para que pidan aos seus provedores que certifiquen que o leite servido nos seus establecementos sexa galego. As actuais disposicións sobre trazabilidad, que permiten coñecer a orixe do produto, facilitan enormemente este labor.
“A calidade do leite galego é innegable, e na nosa opinión non hai mellor apoio aos gandeiros que esixir ás marcas que compren o leite na nosa terra. Non se trata de pechar as portas ao produto foráneo, pero a actual crise do sector fai que pór en valor as nosas virtudes sexa un paso previo inescusable para que os gandeiros teñan forza á hora de negociar”.
“O sector da hostalaría, un dos maiores consumidores de produtos alimenticios, ten unha forza extraordinaria á hora de apoiar unha reivindicación como a que se está facendo estes días, e si este sector esixe aos seus provedores o consumo de leite galego ás empresas, terán un motivo máis para prestar atención ao noso campo. Evidentemente a nosa clientela ha de saber que produtos consome, e isto farase a través dun distintivo que identificará os locais que consuman leite galego, o que se pedirá que certifiquen os provedores”.
Lugo Monumental quere desta forma apoiar aos gandeiros “que están a facer unha protesta exemplar. É certo que hai menor fluidez de tráfico na Rolda da Muralla, pero queremos felicitalos por non entorpecer os accesos ao centro e garantir en todo momento o tráfico normal nas vías de comunicación”, conclúen dende a asociación.