La Vuelta Ciclista a España 2016 sairá de novo dende Ourense e percorrerá ás catro provincias galegas

La Vuelta Ciclista a España 2016 sairá de novo desde Galicia, concretamente dende un balneario da provincia de Ourense onde terá lugar unha contrarreloxo por equipos. A nosa comunidade albergará, ademais, cinco etapas que transcorrerán polas catro provincias galegas.

Deste xeito, Galicia ocupará, unha vez mais, un lugar destacado neste gran acontecemento deportivo que conxuga a competición coa promoción turística por onde discorre. Ourense protagonizará outro momento histórico ao igual que o foi o sorprendente comezo dende unha batea en Vilanova de Arousa no ano 2013 ou o remate do pasado ano que se mesturou coa meta do Camiño en Santiago de Compostela.

Así, a nosa comunidade continúa constituíndo un piar fundamental neste evento xa que La Vuelta sairá dende Galicia por segunda vez nos últimos catro anos e por oitava vez na súa historia ao que hai que sumar que solo dous dos últimos 22 finais da ronda española tiveron lugar fora de Madrid e ambos foron en Santiago de Compostela.

No 2016, Galicia mostrará de novo todo o seu esplendor a miles de espectadores cun inicio único e cinco etapas que non deixará a ninguén indiferente. En declaracións aos medios, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou esta mañá La Vuelta ofrece á nosa comunidade unha vez máis unha oportunidade única para continuar coa traxectoria de internacionalización do destino Galicia.

Nava Castro referiuse a este evento deportivo como “unha magnifica ferramenta para dar a coñecer as variadas paisaxes, a sorprendente natureza, a excelente enogastronomía e o noso importante patrimonio cultural diseminado por toda a xeografía galega”. A responsable de Turismo da Xunta sinalou que La Vuelta constituirá unha carta de presentación da nosa oferta turística a nivel internacional.

No pasado ano, tanto na saída coma durante a carreira ou na meta de cada unha das etapas que transcorreron polo territorio galego houbo un nivel de asistencia de público masiva rexistrándose un total de 2.100.000 espectadores in situ. A estes espectadores que se acercaron ata os lugares por onde pasou La Vuelta hai que engadir a espectacular repercusión mediática acadada. O evento foi seguido por un gran número de seguidores a través das pantallas de varios países do mundo acadando a cobertura internacional 190 países dos cinco continentes.

A nivel nacional, La Vuelta tamén tivo unha presenza continuada na televisión con mais de 8 horas de difusión diarias e unha cota de pantalla do 14%, así coma unha audiencia acumulada de mais de 31 millóns.

En total, este evento xerou máis de 18 mil artigos na web, mais de 6 mil artigos en prensa, 600 repercusións na radio e 516 noticias de televisión. As cinco últimas etapas de La Vuelta 2014 disputadas en terras galegas supuxeron mais dun billón de audiencia e unha valoración de preto de 16 millóns de euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com