Lara Méndez, anunciou este venres un plan especial de limpeza intensiva da cidade co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos lucenses e a imaxe da cidade, “unha prioridade para o Goberno Local, posto que tamén é unha das peticións que nos fan chegar os nosos veciños e veciñas”, subliñou a rexedora.
“Este plan especial vén de arrancar no centro histórico co fin de que a cidade mostre a súa mellor cara aos miles de visitantes que recibimos durante as festas do San Froilán”, destacou Lara Méndez, quen deu a coñecer que unha vez finalizadas as festas, os traballos de limpeza viaria intensiva estenderanse a todos os barrios da cidade.
Actualmente a limpeza estase a acometer na Rúa Vila de Foz e os seus canais, debido á inmediata instalación das casetas do polbo. Posteriormente, as tarefas continuarán pola Ronda da Muralla, Ramón Ferreiro, inmediacións do Parque de Rosalía de Castro e todo o ámbito do feiral das festas de San Froilán.
“Desta forma, queremos que tanto os nosos veciños e veciñas, como os miles de persoas que nos visitan disfruten de todo o patrimonio que temos: historia, cultura, gastronomía… e que o fagan cun bo estado da cidade. Queremos que veñan a Lugo e repitan”, asegurou a Alcaldesa.
Neste senso, Lara Méndez fixo fincapé nunha cidade limpa como oportunidade principal para incrementar o turismo, “que é unha aposta fundamental deste goberno para impulsar o desenvolvemento económico da nosa cidade e a creación de emprego. Apostamos por un turismo do século XXI: cultural, gastronómico, accesible e ben posicionado”, sentenciou a rexedora. Méndez pediu tamén a implicación dos lucenses. “Contribuír a que Lugo sexa unha cidade verde é unha tarefa común e colectiva”, sinalou.
O Concello, como reforzo ás labores ordinarias de mantemento do municipio, realizará o desbroce de parcelas municipais sen urbanizar existentes, acometerá o lavado intensivo de papeleiras e pintado daquelas que o necesiten, así como doutro mobiliario urbano, e eliminará os carteis publicitarios. A entidade local procederá tamén ao lavado intensivo de beirarrúas, á aplicación de tratamentos para eliminar musgo, á limpeza de sumidoiros e á eliminación de pintadas. Este plan tamén contempla o baldeo de rúas e unha limpeza especial dos accesos á Muralla Romana.
Neste operativo especial toman parte unha brigada de desbroce, con tractor equipado con desbrozadora, ademais das desbrozadoras manuais; un furgón de mantemento de papeleiras e colectores de residuos, un furgón equipado con hidro-limpadora, un equipo de eliminación de pintadas, unha fregadora de beirarrúas, 2 hidro-limpadoras de alta prsión, 2 camións baldeadores e un camión de succión-impulsión e limpeza de sumidoiros.
A Alcaldesa tamén adiantou o reforzo do servizo de limpeza durante as festas do San Froilán “para garantir, un ano máis, unhas condicións óptimas para disfrutar da celebración das nosas festas patronais”, concluíu.