A Deputación de Lugo colabora coa Fundación Secretariado Xitano no pulo da promoción educativa desta comunidade poñendo especial énfase naquelas etapas que están a resultar máis dificultosas, como é o caso da Educación Secundaria.
Así o puxo de manifesto a presidenta da institución, Elena Candia, tras a sinatura do convenio regulador da subvención que lle outorga á Fundación por un importe de 10.000 euros. Neste acto de firma estivo presente a responsable de Benestar da Deputación, Mari Teijeiro, e a representante da Fundación, Eva Vera.
Esta axuda económica diríxese a colaborar co Programa Promociona que ten por obxectivo “ favorecer a normalización educativa do alumnado xitano para conseguir taxas máis elevadas de éxito académico no último ciclo de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria e promover a continuidade en Estudos Medios e Superiores ou Formación Profesional”
A presidenta da Deputación defendeu a importancia desta iniciativa ao considerar que “a formación é un piar básico para o desenvolvemento das persoas e para a súa inserción laboral”, o que facilita á súa vez a inclusión social en igualdade de condicións. Polo tanto e segundo Candia este obxectivo convértese nunha prioridade de cara a favorecer ao máximo posible a inserción das persoas xitanas.
A responsable da Deputación tamén quixo agradecer á representante da Fundación Secretariado Xitano, Eva Vera, o traballo que está a desenvolver esta entidade social intercultural sen ánimo de lucro de cara a promoción integral da comunidade xitana, coa finalidade de promover o acceso das persoas xitanas aos dereitos, servizos, bens e recursos sociais en igualdade de condicións ao resto dos cidadáns.