A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, asinou hoxe os convenios cos que a administración provincial pasa a financiar o 100% dos custes do servizo de teleasistencia domiciliaria en 66 concellos da provincia, cunha achega total de 335.880 euros.
O servizo de teleasistencia, que incrementa a protección das persoas maiores as 24 horas dos 365 días do ano grazas a instalación de dispositivos de conectividade e seguridade, está a beneficiar na provincia de Lugo a unhas 1.000 persoas maiores, ao permitirlles comunicar con rapidez calquera situación de risco ou emerxencia.
Durante o acto, no que participou a deputada de Benestar, Mari Teijeiro, así como rexedores dos concellos da provincia, Elena Candia destacou que “esta é unha clara aposta que facemos porque o noso desexo é que os nosos maiores poidan vivir con todas as garantías, o maior tempo posible e nas mellores condicións nos seus propios fogares”.
O goberno popular afirmou que esta medida tamén beneficia aos propios concellos, “xa que lles supón un importante aforro tendo en conta que ata o de agora estaban a financiar o 50% dos custes que agora asume a entidade provincial.
A deputada de Benestar, Mari Teijeiro, fixo fincapé na necesidade de revisar e adaptar a ordenanza que regula a prestación do servizo de teleasistencia, que data de decembro de 2006, para o cal “é fundamental ter en conta aos técnicos dos concellos”, para ter unha visión das necesidades reais dos usuarios e determinar cal sería a fórmula máis “axeitada e operativa”.
Estes 1.000 maiores lucenses que están a beneficiarse dun servizo básico no apoio domiciliario, pasan a sumarse aos beneficiarios doutra das medidas que o goberno da Deputación vén de poñer en marcha: o aumento nos fondos destinados ao Servizo de Asistencia no Fogar.