Consenso entre goberno local e tecido asociativo sobre as horas e días da ORA

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, cualificou de “moi cordial e satisfactorio” o primeiro encontro co tecido asociativo da cidade para abordar a nova ordenanza reguladora de aparcamentos na vía pública, unha reunión celebrada onte na que acordaron as horas e días de funcionamento da ORA.

Houbo consenso en torno á proposta do Goberno, segundo a que o servizo estará en actividade en días laborables, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00. Fóra destes días e horas, todos os espazos de estacionamento consideraranse de uso libre e gratuíto. Tamén houbo sintonía sobre fixar a primeira hora de aparcamento gratis.

Os representantes dos colectivos que acudiron á xuntanza –pertencentes á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), a Federación Galega de Comercio, Lugo Centrum, Lugo Monumental, a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, a Unión de Asociacións Veciñais e Culturais (UNAVE) e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL)- mostraron á Alcaldesa o seu agradecemento por invitalos a participar directamente na elaboración da ordenanza.

As asociacións quedaron emprazadas a unha nova reunión fixada para o vindeiro xoves 24 de setembro, no que quedará pechado o mapa de rúas con ORA. Unha vez que Goberno e colectivos presentaron onte as diferentes propostas ao respecto, trátase na seguinte xuntanza de definir as rúas nas que é tecnicamente viable implantar a ORA. Neste senso, o Goberno aclarou ás asociacións que nas vías que non son de titularidade municipal non se pode establecer a ORA.

Doutra banda, Méndez mantivo este martes o primeiro encontro institucional co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, na sede deste organismo, en Ourense, unha reunión na que a rexedora trasladoulle as demandas dos lucenses para o impulso e posta en valor do patrimonio fluvial do municipio, e seguir integrándoo na vida e actividade cotiá dos lucenses. Abordaron as posibilidades e requisitos necesarios para a creación de zonas de baño públicas no río Miño, tendo en conta a afección da Rede Natura.

Nesta xuntanza de “primeira toma de contacto e no marco dunha boa relación entre institucións para traballar en iniciativas e proxectos que son importantes para a cidade”, a alcaldesa e o presidente da Confederación tamén abordaron as posibles vías de colaboración para o arranxo de diversos camiños que bordean o río Miño, avanzar na mellora e acondicionamento das súas ribeiras e rehabilitar os caneiros.

A limpeza do leito foi outras das cuestións que trataron, unha actuación necesaria para previr inundacións despois de que a estiaxe sufrida na época central do verán revelase a existencia de numerosas árbores caídas no leito ou susceptibles de caer, co risco de que poidan ser arrastradas pola corrente, formando tapóns en determinadas zonas e aumentando o perigo de anegamentos.

Doutra banda, a Alcaldesa asegurou que o Concello contratará nun curto espazo de tempo a elaboración dun estudo de delimitación da afección dos cauces fluviais que atravesan o municipio, necesario para a aprobación da totalidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com