Lugonovo crticou hoxe logo da celebración da Comisión Especial de Festas , que “os edís da Corporación apenas puideron intervir na toma de decisións no que ten que ver coa organización e programación das festas do San Froilán”.
Así o afirmou a concelleira do Grupo Municipal Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, anunciando que pedirá explicacións no vindeiro Pleno sobre cal é o proceso que emprega o Concello para escoller as actuacións musicais contratadas.
“A dinámica da Comisión Especial de Festas foi a mesma dende que comezaron as reunións ata a última que tivo lugar hoxe. No que ten que ver coa programación, pouco ou nada nos deixaron aportar a pesar das propostas coas que acudimos, e no caso dos concertos a oposición só tivemos constancia de todas as actuacións cando xa estaban pechadas e á súa vez, foran difundidas con anterioridade pola prensa”.
“Unha marxe de manobra tan escasa que esperta as dúbidas sobre a motivación dese veto á participación do resto dos grupos e que pon de manifesto a falta de consideración e de transparencia do equipo de goberno. Por iso, dende Lugonovo preguntaremos quén suxire e propón, quén estudia a súa idoneidade e en base a qué se fixan os requisitos para contratar aos grupos, ás bandas e ás orquestras que tocarán durante as vindeiras festas”.
“Queremos estar ao tanto de cómo é todo o procedimento relacionado coas contratacións, xa que o equipo de goberno só nos permite asistir ás reunións da Comisión como meros espectadores. Un papel co que non estamos de acordo en absoluto, porque cremos que ademais da obriga, temos o dereito a ser parte activa e responsable das decisións municipais”, concluíu a concelleira.