Alternativa Cidadá de Esquerdas quere reiterar o seu apoio as protestas que están a levar a cabo os gandeiros galegos na defensa do sector lácteo. Para ACE, as explotacións leiteiras non soamente representan o sustento dos gandeiros, senón que afectan ao futuro de toda a economía galega, xa que na nosa comunidade o 50% dos concellos teñen no leite o a súa principal actividade económica e del dependen uns 100.000 postos de traballo directos e indirectos.
Ante a importancia estratéxica deste sector, ACE criticou o papel que os partidos maioritarios galegos están a xogar no conflito entre os gandeiros e a industria, limitándose ao aproveitamento partidista das mobilizacións.
“Dunha banda, o PP intenta desmobilizar a protesta e critica inxustamente as últimas accións dos gandeiros de boicot á industria, que paradóxicamente son as que están a conseguir mellores resultados para as súas reivindicacións; a un tempo que dende a Deputación tenta sacar rédito político das demandas dos gandeiros cunha campaña de promoción do leite galego que non é máis cun lavado de imaxe que en última instancia só beneficia aos empresarios lácteos”.
Asemade afirman que o PSOE tampouco está a altura da gravidade da situación, “teima en manter o seu perfil baixo, e mentres nos concellos fala de apoio, en Bruxelas adopta a mesma postura que o PP, votando a favor das medidas que condenan aos gandeiros a esta situación insostible en beneficio das empresas lácteas e da distribución”.
Para ACE tamén é importante salientar que as mobilizacións que se están a producir non soamente pretenden unha subida dos prezos que cubra os custos de produción, “senón que tamén esixen medidas para rematar cos contratos á baixa que se están a producir durante as negociacións, as concrecións dos criterios a seguir para establecer que o prezo sexa sostible e garantías legais para os acordos que se acaden. Neste sentido, cabe destacar que case un 35% dos produtores galegos que subministraban á industria a comezos deste ano o facían sen o contrato legal que obriga a normativa”, apuntou Carlos Portomeñe, voceiro do grupo municipal.
Pola súa banda, a responsable comarcal do BNG, Esther López, informou da decisión unánime da Asamblea Aberta convocada polo BNG onte, que manifestou o seu apoio ás mobilizacións do sector lácteo. Esta asamblea emitiu un acordo no que se manifesta o apoio ás movilizacións do sector lácteo co fin de conseguir un prezo xusto para o leite.
Esther López sinalou que “entendemos que a producción láctea, ao igual que o resto das produccións agrícolas e gandeiras, son vitais para o país e para a pervivencia do rural a nivel de emprego, económico, social, etc…” e transladou unha mensaxe de ánimo para todas as gandeiras e gandeiros que están a vivir nun momento “moi dificil, pero crucial para a viabilidade das súas explotacións”.
Do mesmo xeito, o voceiro do BNG – Asembleas Abertas, Rubén Arroxo, anunciou a presentación dunha iniciativa para que dende o concello de Lugo, se implemente un programa de xestión de axudas para promocionar o Camiño Primitivo. Arroxo explicou que “se deben poñer os medios para que as asociacións de hostaleiros e colectivos implicados na promoción do Camiño Primitivo poidan obter recursos que revirtan na difusión e mellora desta vía que acaba de ser nomeada Patrimonio da Humanidade”, concluíu.