O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado da Presidenta da Deputación, Elena Candia, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e outras autoridades, participaron no serán de hoxe na posta en servizo das obras da Autovía LU-12, de conexión da A-54 coa N-540 entre Vilamoure e Esperante. No acto, Feijóo asegurou que a vía aberta será “importante para os cidadáns de Lugo pero tamén importante para ser intercambiador de todos os habitantes de Galicia, e intercambiador das mercadorías que saen dende o noroeste cara ao resto de España e o sur de Francia”.
A apertura desta estrada únese á posta en marcha no pasado mes de marzo dos tres primeiros treitos da A-54 que conectan Lugo co Eixo Atlántico e co centro de Galicia. No acto de posta en servizo da estrada que tivo lugar no propio treito Vilamoure-Esperante, Feijóo agradeceu á ministra de Fomento” o seu traballo en prol de Galicia. Celebro que volva concretar unha data no mes de outubro para abrir esta autovía ata Palas de Rei”.
A Autovía LU-12 porá en contacto directo Lugo co conxunto do Eixe Atlántico: con Pontevedra e con Vigo, así como co resto de vilas e cidades cara ás que Santiago exerce de distribuidor de tráficos. En detalle, o titular da Xunta subliñou a importancia dos tres quilómetros postos en servizo que achegarán aos lugueses a unha autovía que representa a alternativa confortable á estrada nacional e “reducen en moitos máis quilómetros a conectividade desta autovía”.
No tocante á importancia que ten a provincia de Lugo para o Goberno galego, o presidente apuntou que “a Xunta entende Lugo como unha prioridade” e fixo fincapé en que no último ano foi destino do maior investimento per cápita nos Orzamentos xerais de Galicia. Concretamente, os grandes proxectos de mellora da mobilidade e dinamización da economía supoñen un investimento total de máis de 152 millóns de euros.
Eixe Lugo-Monforte
O responsable do Executivo galego informou do estado das obras viarias que se están a acometer na provincia e destacou o eixe Lugo-Monforte, que enlaza coa A-54. O mandatario galego anunciou a finalización desta estrada “neste mesmo ano” unha vez que estea rematada a execución da estrada Sarria-Monforte, que se atopa en fase final. Esta vía de altas prestacións porá á disposición dos cidadáns 60 quilómetros grazas ao investimento total da Xunta de 230 millóns de euros.
Asemade, Feijóo resaltou o traballo do Goberno galego na conexión entre Celeiro e San Cibrao así como nos accesos tanto ao Porto de Burela -onde proximamente se licitará as obras de ampliación do Hospital da Mariña- como ao Porto Seco de Monforte -grazas aos investimentos atraídos polos incentivos autonómicos á compra de solo empresarial-.
Ao remate da visita á autovía, a Ministra de Fomento, Ana Pastor, reuníuse coa Presidenta de Deputación de Lugo, Elena Candia.