ACE denuncia o reparto desigual entre barrios da rede de centros sociais

Alternativa Cidadá de Esquerdas quere chamar a atención sobre o que consideran unha xestión ineficaz e non equitativa entre barrios da rede de centros sociais de Lugo. Dende ACE explican que na última Comisión Permanente de Suxestións e Reclamacións celebrada onte, “fíxose evidente o aumento por parte dos usuarios das queixas ao Concello sobre o funcionamento dos centros sociais”.

“ACE ten constancia doutras múltiples deficiencias a traveso das demandas directas da cidadanía, polo que presentará un cuestionario por escrito á concelleira da Área de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana María González Abelleira, para aclarar cales son os criterios obxectivos que se seguen para a cesión das instalacións, así como para o reparto do material dispoñible entre os distintos centros sociais, e se existe algún inventario dos recursos destinados aos centros sociais e persoal encargado de supervisar o seu uso e estado”, afirmou o voceiro do grupo municipal, Carlos Portomeñe.

Alternativa Cidadá de Esquerdas ten recibido queixas ao respecto de que nalgúns centros son os animadores socioculturais asignados os que deciden directamente a que usuarios ou asociacións se lles cede as salas dispoñibles para realizar actividades socioculturais, cando o trámite en teoría, debe consistir en presentar un escrito no rexistro do Concello, e se hai datas dispoñibles e se xustifica que se vai facer un uso responsable da sala, esta debería ser cedida.

ACE afirma ter coñecemento de casos de distintas asociacións culturais ás que o propio animador do centro lle ten negado o uso das salas sen ningún motivo que o xustificase, aínda estando as mesmas baleiras no momento para o que foron solicitadas, e doutros casos nos que cando o animador se atopa de vacacións non se pode nin sequera xestionar a petición da sala ata a volta de dita persoa. Ademais, varios dos animadores sociais teñen que atender dous ou tres centros a un tempo, ao haber soamente catro animadores contratados para atender os sete centro sociais de Lugo.

“Algúns dos animadores carecen do material mínimo para a impartición dos cursos e actividades que se ofrecen á xente, mentres que noutros centros hai material acumulado sen ser utilizado (cámaras de fotos, ampliadoras fotográficas, consolas, videoxogos, guillotinas, pinturas ou libros), que ademais está abandonado sen ningún coidado ou mantemento periódico, botándose a perder”.

Afirman que no centro social do Sagrado Corazón, non dispoñen dos cabaletes necesarios para impartir as clases de pintura e os poucos que hai teñen sido reparados polos propios usuarios do centro por vontade propia. “Outro exemplo claro é que só un dos centros sociais, o de Fingoi, está dotado cunha biblioteca, coma se nos demais zonas os veciños non tivesen dereito a dispoñer de recursos bibliográficos”.

Para ACE, se esta situación en concreto se debe á falla de recursos económicos suficientes para comprar máis libros, “pódense facer campañas de recollida de libros de sobra entre a veciñanza ou mesmo repartir a totalidade dos libros actuais entre os diferentes centros, pero en todo caso resulta inxusto concentrar todos os libros nun só centro”, concluíu Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com