Rubén Arroxo manifestou hoxe a súa sorpresa, tras a celebración da Xunta de Portavoces” pola actitude mantida polos grupos do PSOE, PP e Lugonovo que se posicionaron en contra da intervención do colectivo Masa Crítica no pleno da corporación”.
Para o voceiro do BNG-Asembleas Abertas “resulta sorprendente que todas as mensaxes de participación que se lanzan dende algunhas forzas políticas queden anuladas pola realidade na primeira solicitude de intervención”. Para o BNG non é de recibo que non se considere a opinión dun grupo que leva máis de sete anos traballando a prol do uso da bicicleta na cidade, e que se lles impida manifestar as súas propostas ante as forzas políticas representadas na corporación.
A proposta que o colectivo Masa Crítica presentou, a traveso do documento rexistrado polo BNG – Asembleas Abertas, estaba a de converter a cidade en “Zona 30”, outra das propostas vai dirixida a crear un carril-bici transversal que una Garabolos co Campus, pola da Avenida de Madrid, Ramón Ferreiro e Avenida da Coruña. Outro dos carriles-bici que se propoñen na iniciativa é para unir a Avenida Infanta Elena co Ceao e a rúa Paradai. Ademais proponse a creación de aparcadoiros de bicicletas, cubertos e vixiados nos diferentes barrios de Lugo ademais da recuperación do servizo de préstamo de bicicletas.
O voceiro do BNG–Asembleas Abertas sinalou como outros colectivos interviron no Pleno da corporación e citou, entre outros, á Plataforma que defendeu a implantación de servizos no HULA, a Comunidade Educativa nas Mercedes, os Afectados polas Preferentes, etc… Arroxo manifestou que se trata “dun retroceso no referente á participación da xente e con esta actitude Lugo non avanza e todos perdemos”.
Incumprimento do PSOE
Arroxo afirmou que “entre os puntos que o PSOE aceptou cando acordamos apoiar a investidura da alcaldesa figuraba literalmente: Non se vetará a participación e intervención de colectivos e entidades que, en tempo e forma, soliciten presentar iniciativas ante os diferentes órganos municipais” e acusou ao PSOE de incumprir os compromisos aos que chegou co BNG para obter o apoio necesario para acadar a alcaldía.