A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, garantizou na Xunta de Voceiros deste luns a participación tanto dos grupos políticos como do tecido asociativo na nova ordenanza da ORA.
“O borrador da regulación xa está avanzado, e por iso o puxemos en coñecemento dos colectivos sociais de Lugo”, avanzou Lara Méndez, quen aclarou que “a participación dos grupos políticos está regrada procedimentalmente, e non hai nada máis democrático que o garantido por lei”, posto que as ordenanzas son discutidas en Pleno.
“A participación dos grupos políticos está garantida e como a participación dos colectivos non o está, nun claro exemplo de transparencia e participación, os dous instrumentos de traballos básicos aos que nos comprometemos, decidimos garantila por medio de reunións con asociacións, co obxetivo engadido de elevar ao Pleno a mellor das propostas posibles”, sentenciou Méndez.
O proceso para dotar a Lugo dunha nova ordenanza da ORA divídese en dúas fases diferenciadas: a aprobación da ordenanza da ORA, encargada de tipificar como servizo público a regulación do aparcadoiro para logar obxectivos de mobilidade e de rotación do aparcadoiro e a aprobación da Ordenanza Fiscal, que regula o aspecto estritamente fiscal ou pecuniario da ordenanza de servizo.
A Alcaldesa entregoulle a cada voceiro un informe elaborado polo departamento municipal de Cultura, sobre as orixes, funcións e historia da figura do Cronista Oficial de Lugo, así como dos cronistas existentes na provincia e no resto de Galicia sobre a figura e a historia do cronista oficial. Nas vindeiras sesións tomarase unha decisión para iniciar o procedemento co maior dos consensos.
O Goberno local defende a necesidade de nomear Cronista Oficial, tal e como subliñou a rexedora, como “unha figura institucional que poña en valor a historia, patrimonio e cultura tan importante de Lugo”, e tamén ten claro o proceso para a súa designación, que será “participativo e transparente”.
A proposta da Alcaldesa consiste nunha primeira fase na que os cidadáns poderán facer propostas de nomes. De entre eles, “aos tres, catro ou cinco máis apoiados, preguntaráselles se queren ser Cronista Oficial. Unha vez obtido o consentimento dos candidatos, o nome sairá dunha votación popular aberta e pública”.
Doutra banda, Méndez amosou a súa perplexidade ante as declaracións da Presidenta da Deputación, Elena Candia, sobre a xuntanza que quere manter con ela, logo de que esta afirmara que a data deste encontro non se puido concretar por problemas de axenda, cando o certo é que dende a institución provincial chamaron por primeira vez á Alcaldía este mesmo venres, 18 de setembro para concretar unha data para a súa celebración.
En relación á afirmación de Elena Candia na que manifestou que dende a Deputación se respondeu con celeridade, a Alcaldesa pon en dúbida que “mandar a carta de solicitude de xuntanza o 24 de agosto e non recibir resposta ata case un mes despois, mentres se pretende sexa contestado o mesmo día da recepción da solicitude, non semella nin celeridade nin o debido respeto institucional”.
A Alcaldesa amosou a súa “disconformidade coa maneira de facer política que teñen no actual equipo de goberno da Deputación, ao tempo que lamentou que “non se repete máis á lealdade institucional, intentando a toda costa desacreditar aos lexítimos representantes doutras institucións”.