A cidade está de noraboa. A compañía Lucecús Teatro inicia a súa andaina profesional este sábado e domingo, coa prestrea do seu espectáculo A órbita do lucecú. Logo de moitos anos de traballo en diferentes colectivos teatrais da cidade, os actores Anxo Manoel, Isabel Herrero e Rubén Pérez, que teñen percorrido os escenarios de Galicia da man de grupos como Achádego, Palimoco ou Microefectos Dramatúrxicos, deciden apostar pola profesionalización nas artes escénicas nun momento tan complicado coma o actual, coa intención de perdurar no tempo e converterse nun foco cultural tanto para a nosa cidade como para Galicia.
A compañía aposta claramente pola dramaturxia propia en galego e así o primeiro espectáculo está escrito polos propios actores baixo a coordinación de Santiago Cortegoso, prestixioso dramaturgo galego e gañador de diferentes premios a nivel estatal, que tamén dirixe o espectáculo xunto coa actriz Marián Bañobre.
Lucecús Teatro nace froito dun soño artístico, dunha necesidade creadora de berrar nunhas difíciles coordenadas históricas. Lucecús quere ser luz nestes momentos tan oscuros para o teatro. Co tempo o grupo diversificará o seu traballo, de tal xeito que ofertará actividades pedagóxicas, proxectos culturais e diferentes actividades, cun obxectivo principal: crear público e estruturas para o teatro na nosa provincia. “Sabemos que é difícil pero queremos vivir da nosa profesión en Lugo”.
O vindeiro 26 e 27 de setembro prestreará o seu espectáculo en Caldas de Reis (Pontevedra) e Pol (Lugo) dentro do circuíto profesional Buxiganga.
Parabéns, Lucecús!!