A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entrou a formar parte do Consello Territorial da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) durante os vindeiros catro anos. A súa designación prodúcese tras a votación celebrada no XI Pleno da FEMP.
A rexedora, quen acolleu o nomeamento con moita satisfacción e responsabilidade, sinalou que “formar parte do Consello Territorial da FEMP é unha oportunidade única para levar o nome de Lugo por todo o territorio nacional”, ao tempo que avanzou que traballará “por defender os intereses dos gobernos locais, e especialmente o da cidade lucense, posto que os Concellos xogan un papel decisivo na defensa das políticas públicas de calidade”.
“Creo nas entidades locais, na clarificación da súas funcións e competencias e nun financiamento adecuado para impulsar un territorio e garantir uns servizos de calidade para todos os seus veciños e veciñas”, asegurou Méndez.
O Consello Territorial é o órgano de máxima autoridade que transcorre entre a celebración dos Plenos Ordinarios da FEMP. Formado polo presidente e vicepresidente da Xunta de Goberno e 61 membros elixidos polo Pleno, de entre os socios titulares, e o presidente e outro representante das federacións de ámbito rexional; reúnese en sesión ordinaria, unha vez cada catro meses.
Entre as súas competencias está facer cumprir as resolucións do Pleno, velar polo cumprimento dos fins estatutarios, aprobar o Regulamento de Réxime Interior e o do Pleno e articular relacións da FEMP coas Federacións Territoriais. Ademais, o Consello Territorial deberá aprobar as cotas anuais da Federación, os orzamentos ordinarios e as contas de carácter anual.