Os voceiros dos devanditos grupos políticos no Concello de Lugo, PP, ACE, Lugonovo, C’s e BNG, veñen de remitir un comunicado aos medios logo da xuntanza celebrada esta mañá a proposta dos populares para chegar a un acordo no tocante á zona ORA, no que manifestan que chegaron a un acordo unánime para un cambio do modelo actual da ORA por outro que sexa gratuíto, rotatorio e de xestión municipal.
“Esta modificación ten que ser encaixada co Plan Mobilidade e co transporte urbano, coa finalidade de que este novo sistema de estacionamento funcione de xeito disuasorio e, ao mesmo tempo, permita ir dando pasos cara a un novo modelo de cidade”. Afirman asemade, que chegan a este acordo para iniciar o proceso para a presentación dunha iniciativa conxunta ao vindeiro pleno municipal, que é o órgano competente para aprobar estas modificacións.
Por último, sinalan que “censuramos as formas do goberno local por non ter dado participación á oposición no proceso de renovación da ORA, e por permitir só coñecemento a través dos medios de comunicación das modificacións que pretende incorporar, o que demostra a falta de sensibilidade democrática do goberno. Así mesmo, instamos aos socialistas a facilitar aos outros cinco grupos políticos o borrador da ordenanza da ORA, tal e como indicou reiteradamente o goberno municipal”, concluíron.
Xa pola tarde, a asociación de hostaleiros e comerciantes do casco histórico, Lugo Monumental adheríuse ao comunicado conxunto. A asociación, que reiterou a súa formulación de que é importante ter en conta modelos como o que exitosamente implantouse en Pontevedra, considera que o comunicado recolle “as nosas posturas relativas a este tema, que tamén se mantiveron nas dúas reunións a que fomos convocados polo Equipo de Goberno”.
Afirman asemade, que nas devanditas reunións conxuntas con outras asociacións, Lugo Monumental situouse reiteradamente contra a necesidade dun sistema de pago, a intervención dunha empresa externa e a expansión da zona ORA que foi proposta por outras asociacións empresariais e veciñais. “As amplas zonas ás que se pretende estender a ORA foron propostas por Federación de Comercio, CEL, Lugocentum, Federación de Veciños e Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería”.