Hoxe tivo lugar o que probablemente sexa o derradeiro pleno provincial sendo a popular Elena Candia a presidenta. Semella que a moción de censura que rexistraron hai unha semana PSOE e BNG segue o seu curso, e o mércores día 8 de outubro, celebrarase o pleno que polo que parece, investirá a un novo presidente da corporación provincial, o socialista e alcalde da Pontenova, Darío Campos.
O destronado Manolo Martínez, ex-voceiro dos socialistas no anterior executivo presidido por Gómez Besteiro, que non apareceu o día do rexistro da moción, fixo hoxe a súa primeira aparición pública dende que se coñecera o principio de acordo entre nacionalistas e socialistas, e que nunha dura negociación que durou tres meses, conseguiu que Martínez renunciara ao seu lexítimo cargo, o da Presidencia. A cambio, todo parece indicar que Martínez quedarase co posto de voceiro socialista e responsable da Área de Vías e Obras que xa ostentaba no anterior goberno.
Eso si, mutismo absoluto por parte de Martínez, que tan so explicou aos medios que “non podo decir nada ata que se celebre o pleno de organización. Alí xa vos contarei todo o que vivín durante estes tres meses”, sinalou. Moi contento non parecía.
Tamén o nacionalista Antonio Veiga, afirmou que “no vindeiro pleno o BNG votará por Darío Campos”, aínda que non quiso mollarse ao respecto do posto que el ocupará na Corporación. Campos, asemade sinalou que o primeiro paso e recuperar a Deputación. “Eu confío en que non haxa sorpresas, pero nunca se sabe”.
Pola súa banda, Elena Candia afirmou que “este é un pleno máis, no que esperamos contar co apoio da Corporación para aprobar asuntos de gran importancia para a provincia de Lugo. Quédome ca sensación de que aproveitamos ata o último minuto o mandato popular na Deputación”.