Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida propón aumentar ata 3.500 euros a cuantía que o Concello cobra actualmente á banca polos caixeiros automáticos con acceso á vía pública, como medida para aumentar os recursos municipais sen penalizar ao contribuínte medio.
O Concello de Lugo só ingresa 284,23€ ao ano por cada caixeiro, tal e como establece a ordenanza fiscal número 156, unha das que ACE-EU considera prioritario modificar para conseguir unha maior progresividade impositiva.
“Con 40 caixeiros automáticos como mínimo que existen na cidade de Lugo con acceso directo á vía pública, o Concello podería obter 140.000 euros ao ano, cuantía que equivalería aos ingresos obtidos pola recadación da O.R.A., que supón unha media de 12.000 euros ao mes para as arcas municipais, polo que se compensarían os recursos perdidos ao establecer a gratuidade da zona azul. “Xa que o goberno do PSOE amósase moi preocupado pola inviabilidade de facer pública a xestión do regulamento de aparcadoiros, poñémoslle en bandexa a solución para que a medida non afecte aos orzamentos”, explica o voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe.
O equipo de goberno e o resto de grupos da oposición, a excepción do BNG, cuestionaron a viabilidade e legalidade das propostas incluídas na moción de ACE-EU para garantir a progresividade nas ordenanzas fiscais do vindeiro ano, entre elas a de subir a taxa por aproveitamento da vía pública con caixeiros automáticos.
“Sen embargo, a súa legalidade está perfectamente establecida por unha sentenza de febreiro de 2009 do Tribunal Supremo, e son numerosos os exemplos de concellos de todo o Estado que cobran moito máis que Lugo aos bancos por este concepto. Sin ir máis lonxe, municipios como os de Ribadavia e O Carballiño, ámbolos dous gobernados polo PSOE e cunha poboación moito menor que a de Lugo (aprox. 5.000 e 15.000 habitantes respectivamente), ingresan dende hai tempo 2.920 euros por caixeiro ao ano. E foi precisamente o propio PSOE en O Carballiño o que pediu que mesmo se subise esa taxa ata os 3.600 euros anuais”.
“Co exemplo doutros municipios demostramos que é perfectamente viable que pague máis quen máis ten se existe vontade política”, apunta o concelleiro de ACE-EU. Outras localidades galegas duplican o imposto anual por caixeiro de Lugo: Vilagarcía con 624 €, Ferrol con 560€ ou Ponteareas con 500€. Son tamén moitos os casos fóra de Galicia que deixan moi atrás a nosa cidade: Barcelona con 855€; Torrevieja, Pizarra (Málaga) e El Campello (Alicante) con 1000€; Sevilla con 693€ ou Málaga con 693€”.
Os caixeiros automáticos moven cada ano uns 110.000 millóns de euros, e segundo as estimacións de ADICAE, o cobro de comisións por extraccións de efectivo ascenden a 21.000 millóns de euros anuais (o 20% do total). “Parécenos xusto que os bancos paguen unha taxa máis axustada ao beneficio que obteñen cos cobros aos usuarios. As entidades financeiras teñen unha parte moi importante da responsabilidade da crise, e aínda que foron rescatadas cos cartos públicos seguen executando desafiuzamentos, restrinxindo o crédito, aumentando as comisións (La Caixa, BBVA e Santander queren cobrar 2 euros por uso dos caixeiros aos non clientes en contra do criterio do Banco de España) e recortando plantilla (incluso se atopan agora mesmo negociando á baixa o convenio laboral do sector)”.
Portomeñe tamén quixo lembrar o caso concreto de ABANCA, con 16 caixeiros na vía pública lucense, “que está a desmantelar a obra social das antigas caixas galegas e que non dubidou en pechar a escola infantil do Sagrado Corazón alegando que non resultaba rentable”.
ACE-EU tamén quere chamar a atención sobre o agravio comparativo existente con respecto a outras taxas que o Concello de Lugo grava por usos que “conlevan moito menor lucro ou ningún en absoluto. Por exemplo, a ordenanza número 403, que establece os prezos públicos pola prestación de servizos nas instalacións culturais, establece unha tarifa única de 515 € ao día polo emprego do Auditorio Municipal Gustavo Freire en festivais, actos ou eventos similares.
“É inxustificable que unha asociación sen ánimo de lucro ou un grupo de teatro teñan que pagar nun só día ao Concello por realizar unha actividade de carácter sociocultural o dobre do que un banco paga por explotar un caixeiro na cidade durante todo o ano”, concluíu o voceiro de ACE-EU.