O Valedor do Pobo rexeita a queixa presentada polo Grupo Provincial Socialista sobre a publicación das declaracións anuais de bens e actividades dos deputados. O valedor notificou por escrito que non se aprecia ningunha irregularidade nos prazos que seguiu o Goberno da Deputación para facer pública esta documentación.
Así o dixo esta mañá a presidenta, Elena Candia, durante a rolda de prensa celebrada tras a Xunta de goberno. Tal e como resumiu Candia, o Valedor “notificounos por escrito, unha vez que o Partido Socialista fai a denuncia, unha vez que e a Deputación manda os informes e as contestacións pertinentes”, que non se aprecia a irregularidade que denuncia o PSOE.
Para emitir esta queixa, os socialistas baseábanse na obriga das administracións locais de cumprir a lexislación relativa á transparencia. Pola contra, o Valedor do Pobo deixa claro que as entidades locais contan aínda cun prazo de dous anos para adaptarse a ditas obrigas, malia o que a Deputación de Lugo xa as está a cumprir.
Devolución da paga extraordinaria aos traballadores
A Xunta de Goberno tamén aprobou o abono da paga extra de decembro de 2012, equivalente a 48 días da extraordinaria e pagas adicionais, a todos os traballadores da Deputación, tanto persoal funcionario como laboral. A cantidade total destinada a este fin é de 245.652,27 euros, e o abono efectuarase en nómina separada, antes da do próximo mes de outubro.
Adxudicado o Audi A8
Outro do asuntos incluídos na orde do día desta Xunta de Goberno foi a adxudicación do Audi A8, que fora coche oficial do anterior presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e que o actual Goberno provincial decidiu vender.
Hoxe, o vehículo foi adxudicado tras un proceso de oferta en sobre pechado, aceptando a permuta por un Peugot modelo Partner Tepee Outdoor 16 HDI, un vehículo novo, sen quilometraxe. Estase a estudar a súa entrega a unha entidade social.
Paseo do Rato
A presidenta da Deputación tamén deu conta do inicio do proceso de contratación da iluminación do paseo do Rato e da estrada LU-P-2925, en base ao proxecto redactado pola Axencia Provincial da Enerxía. O proxecto prevé a adopción de medidas de eficiencia enerxética e conta cun orzamento de licitación de 1.364.913,30 euros.
Este proxecto dotará de servizo de alumeado público a unha área de esparcemento que a día de hoxe carece de dito servizo, ao tempo que aumentará a seguridade dos usuarios, tanto conductores como peóns, da estrada provincial que discorre paralela ao mesmo.
Outros asuntos
Entre outras cuestións aprobadas polos membros da Xunta de Goberno provincial, estiveron a aprobación dun trámite relacionado co plan Ben Empregado. Trátase, en concreto, da dación de conta da adxudicación de cinco perfís deste plan de emprego que no seu momento quedaron desertos, ben por renuncia do traballador escollido en principio ou ben por que este non superou o período de proba.
Igualmente, aprobouse a listaxe de 21 novas empresas do Ben Empregado I, logo da renuncia á subvención doutras tantas que foran beneficiarias nun primeiro momento. Finalmente, aprobáronse propostas de rectificación e complementos de expedientes expropiatorios de obras nos concellos de Portomarín e O Corgo; ademais de aprobar unha addenda ao convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Pedrafita na que se amplía o prazo de execución, ata o 30 de novembro.
A titular da Deputación de Lugo, Elena Candia, xunto co deputado de Deportes, José Manuel Yanes, asinaron tamén hoxe un total de 13 convenios cos que a institución provincial colabora co deporte da provincia con 147.500 euros mediante subvencións tanto nominativas coma excepcionais.
Os clubes e asociacións deportivas, así como deportistas individuais cos que hoxe se asinaron os convenios foron o Club Natación Portamiñá; o Club Atletismo Lucus; Club Deportivo Calasancio; a Escudería Comarca da Ulloa; o Club Muralla Rugby; o CD O Corgo; a Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa; a Asociación Deportiva Tripenta Terras de Lugo; a Federación Galega de Pentatlón moderno y Triatlón; e Club Fluvial de Lugo.