A oposición en pleno acusa a Basadre de falta de previsión pola suspensión dos concertos

A falta de previsión da Concelleira de Cultura e Presidenta da Comisión de Festas, Carmen Basadre, fixo que se suspenderan os concertos do día do patrón na praza da Horta do Seminario. Porque outros como os da praza de santa María si se celebraron e elo foi posible porque ao contrario que na praza de Ramón Ferreiro si había unha carpa para que os espectadores estiveran a cuberto. A isto hai que sumar que se tomara tan axiña a decisión de suspender os concertos, posto que a  tarde quedou maina e ata cerca das dez non comezou a chover de novo e isto sabíase dende o mediodía visitando ou falando con distintos portais de internet de previsións metereoloxicas. Estas e outras opinións puido recadar  Xornal de Lugo logo de poñerse  en contacto con asociacións e grupos políticos para coñecer a valoración de ditas suspensións. En todos os casos rexeitaron o proceder da Concelleira de Cultura.

A Asociación Lugo Monumental, por boca do seu presidente Luís Latorre, declarou “entendemos que a día de hoxe existen medios técnicos tanto para facer unha previsión firme do tempo coma para cubrir prazas ou localizacións chave nas festas do San Froilán”.

E engadiu “Lugo Monumental considera que a falta de previsión do Concello na organización das festas deste ano ten graves consecuencias para o empresariado do casco histórico, xa que o día de san Froilán o centro era un páramo desolador. Normalmente o día de San Froilán non é especialmente bo na hostalería, pero este ano nin sequera se vía xente pola rúa, xa que a suspensión dos concertos fixo que non houbera atractivo festivo ningún para achegarse ao centro”.

Latorre dixo non entender como “non se puxeron os medios para asegurar a celebración dos concertos  “a día de hoxe calquera pequeno pobo ten a previsión de contratar toldos ou cubertas temporais para protexer ao público nos principais concertos ou convocatorias das festas. Non parece de recibo que unha capital de provincia, avisada con tempo da adversa climatoloxía que se prevía para o San Froilán, non contrate dous ou tres cubertas para poder manter os concertos programados. Evidentemente ninguén ten culpa de que chova, pero si da falla de medidas para minimizar o impacto do clima nas festas”.

O portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, non se explicaba tanta imprevisión cando era a crónica anunciada unha semana antes  o temporal que se aveciñaba, polo que non ten unha explicación lóxica fiar todo a ver se non chove “ é preferible renunciar a algunha actuación, aínda que non creo que faga falta pois a colocación dunha carpa non ten nestas datas un prezo desorbitado, a ter que suspender os concertos como aconteceu hoxe” e rematou dicindo que” imos solicitar todos os contratos para saber  polo miúdo como están as cousas “

Encarna Amigo, responsable da área de cultura do  grupo Municipal do PP, abundou na falta de previsión da comisión “ tiña que haber un plan B. Estamos en Lugo en outubro e todo o mundo sabía que ía chover” e rematou “ agardemos que aprenderan a lección e tomen boa nota,  pois “ vai seguir chovendo e agardemos que isto non se volva repetir, porque a todos nos gusta que as festas saian ben. Son as festas patronais, ven moita xente de fora de Lugo e temos que estar á altura das circunstancias.

Carlos Portomeñe de Alternativa Cidadá de Esquerdas, declarou que  “as inclemencias estaban previstas e só a falta de previsión deu ao traste coas actuacións “ e continuou “ xa o dixemos antes do comezo do san Froilán que cando se toman as decisión unilateralmente, non deixando  participar aos demais grupos políticos, ocorren estas cousas,  como a suspensión dos concertos, agora tamén a Comisión de Festas  terá que dar explicacións en solitario  sobre o ocorrido” e” asumir os erros tamén en solitario”.

Pola súa banda Olga Louzao, portavoz de Cidadáns, dixo que ela,  en vista de como se anunciaba o tempo para o comezo das festas, presentou unha pregunta o venres  ao Goberno Municipal para saber das previsións que ía tomar a Comisión de festas, pero non tivo resposta.

Louzao, a preguntas do Xornal, declarou que a “xestión das festas e nefasta e con moitos erros” para rematar dicindo “ que o ano que ven isto non pode volver pasar, hai que programar todos os eventos dende primeiros de ano e non estar agardando a última hora para comezar. Se queremos que Lugo, teña unhas festas como demanda a cidadanía hai que obrar con previsión”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com