O Grupo Municipal Lugonovo considera necesario atopar unha solución que garanta a seguridade dos peóns no último tramo do Carril das Frores na súa confluencia ca Ronda da Muralla, onde se atopa un terreo baleiro á espera do seu desenvolvento urbanístico.
“Un proxecto que non prospera pero que imposibilita a posta en marcha de actuacións definitivas para esta vía, convertida nun foco reiterado de queixas por parte dos veciños”, segundo explica o portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, que insta ó Concello a estudar con qué medidas provisionais se podería dotar a devandita rúa.
“Os residentes, especialmente os que teñen algún problema de mobilidade ou precisan circular con cadeiras de rodas ou carriños de bebé, non poden facer uso da escalinata e están obrigados a saír do Carril por un punto que non lles ofrece ningunha protección fronte ós coches. Ante a súa preocupación, solicitámoslle ó equipo de goberno que dote a zona, que ademais forma parte do traxecto do Camiño Primitivo, dalgunha medida que advirta da súa presenza ós condutores para previr e evitar accidentes e mellorar a seguridade na vía.”
Doutra banda, o Grupo Municipal recórdalle ó goberno local que aínda non correxiu a sinalización ubicada na rúa Montero Ríos e que orienta erroneamente ós cidadáns cara a Estación do Tren pola rúa Castelao, obrigándolles a dar unha volta innecesaria. Xa no seu momento, Lugonovo falou da necesidade de modificar, canto antes, estas indicacións e de completalas na Ronda da Muralla.