25 anos do pasamento de Díaz Castro

Véñense de celebrar nos Vilares os vintecinco anos do pasamento de Xosé María Díaz Castro. E eu, que en principio coido non creer na predestinación, nese acto confesei que si teño que admitila en relación cos Vilares de Parga e con Xosé María Díaz Castro.

Eu era moi pequeno, hai arredor de sesenta anos, e miña nai xa me contaba historias da súa mocidade, da súa nenez, na aldea do Freixo que pertence ao Concello de As Pontes, á beira do monte Caxado. E entre as cousas que me contaba, estaba a chegada todos os invernos dos trapeiros que viñan recollendo prendas en desuso, trapos, restos de teas que cambiaban por outros productos, especialmente louza… e contaban historias da súa terra lonxana.

Viñan dun país que a min se me antoxaba de fábula, aínda que eu vivía en Vilalba, sen saber que estaba moi preto del… viñan dos Vilares de Parga que quedaba a saber onde… e para min os Vilares de Parga eran como un shangri-la, unha chaira entre montañas… que eu non sabía quedaba a menos de vinte quilómetros da miña casa… aínda ignoraba eu –aínda non o escribira Manuel María- que esta terra non se media en quilómetros, senón en ferrados de corazón e fanegas de alma.

Andando o tempo resultou que os Vilares era o lugar inmediato ao Buriz dos meus sogros, da miña muller, de toda a miña familia adquirida… de Díaz Castro. Que aos Vilares iría a pregoar dúas veces a Festa labrega, e que o dous de outubro de 2015 iría conmemorar o cuarto de século do pasamento do seu veciño máis ilustre, universalmente coñecido, Xosé María Díaz Castro. A mesma predestinación parece gobernar a miña relación co poeta que empezou, literariamente, cun traballo que fixen no ano setenta, hai corenta e cinco anos, sobre unha ducia de poetas chairegos…. Uns mortos, outros vivos… algúns dos vivos, xa amigos… e de Díaz Castro atopei o libro Nimbos, na Biblioteca Provincial.

Nada sabía del… o máis probable, coidei, era que xa morrese pola avanzada idade – 56 anos; eu tiña daquela 23- e sorprendeume a fondura daqueles poemas, que destacaban brillantemente entre o resto da fermosa e fonda poesía chairega.

Ata que un día, falando de escritores, meu cuñado Manolo de Benedicto, dos Vilares, dos Manchás, me fala do padriño de Marisé, a súa irmá máis nova, que residía en Madrid e tamén escribía… E a miña sorpresa foi infinita cando me dí que é José do Vilariño, amigo de meus sogros, que responde ao nome de Xosé María Díaz Castro, ao que pouco despois coñezo en Lugo a través do que daquela era o cura de Pígara, Jesús Vázquez Paz, do Buriz, curmán de meu sogro en non sei que grado, pero tamén da familia.
Predestinación.
Desde que o coñecín en Lugo fomos amigos. Eu, devoto; el, xeneroso, humilde, grande… e en Ophiusa fixémoslle un video, “Xosé María Díaz Castro, nimbos de poesía”, que foi unha das homenaxes máis oportunas que fixen na miña vida. Un dos traballos que máis satisfeito me deixou. E reafírmase a presunta predestinación da miña relación con Díaz Castro, directamente e a través de Xermolos que foi –grazas a Alfonso Blanco- para o noso amigo escritor o reencontro coa “terra verde, mar de orballo”.

E fun coñecendo a familia de Díaz Castro… seu irmán Serafín, seu primo Man Castro, meu cuñado Manolo, primo de Man e parente tamén… pero o definitivo vencello e que me confirma a predestinación é o que me informou Segundo Pérez, crego do Buriz, Dean da Catedral de Santiago, parente de Díaz Castro e parente da miña familia, que me confirma que os meus fillos –por selo a miña muller- son tamén parentes do poeta, xa que a aboa de Díaz Castro era irmán da aboa de miña sogra, Josefa Rosende, Josefa do Portelo no Buriz co que xa pecho un círculo invisible que acredita que eu tiña, forzosamente, que ter relación cos Vilares de Parga, hoxe os Vilares de Guitiriz, os Vilares de Díaz Castro, e coa magnífica persoa e xenial escritor, meu parente indirecto que me honra reivindicar e ao que estamos a homenaxear.
Quere a fala popular que os mortos, cando sinten que entre os vivos que quedaron acó andan mal as cousas, dean volta inquedos –revólvanse- nas súas tumbas. Pois, pola contra, axeitándonos a esas vellas estimacións ou crenzas, eu estou seguro que este día de festa vilarega, Xosé María Díaz Castro, Xosé do Vilariño, estivo saltando de alegría no ceo dos galegos, colocándolle a Manuel María unha coroa  de loureiro celebrando con el o próximo Dia das Letras Galegas… abrazándose a Trapero, a Uxío, a Carballo Calero, a Cunqueiro… ao seu querido mestre poético e amigo Aquilino Iglesia Alvariño… toliño de contento  por ver a que se armou nos seus Vilares a chamada de Antón de Guizán, para lembrar que hai 25 anos que nos deixou para nunca máis morrer.
Porque esa é a cuestión… que o que celebramos a dous de outubro do ano 2015 nos Vilares foi proclamar que Díaz Castro non morreu – non morreu de todo- non só porque nos queda a súa poesía senón porque nos queda a súa semente. E esa semente xermola – ves, Alfonso, xermola!- e aparecen novos poetas para reivindicar que esta é terra poética, que estamos nun “paso adiante, Galiza”, que persoas como Díaz  Castro son as que fan que unha terra “camiñe”, e agora que vamos regando “suco a suco, o outono”, non haberá grazas a ti, amigo Xosé María, máis pasos de Penélope, máis pasos atrás no amor a unha terra, a unha cultura, a unha xente…

Por ti sempre, Xosé María Díaz Castro, José do Vilariño dos Vilares (de Díaz Castro).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com