O deputado do Grupo Provincial do Partido Popular e ex vicepresidente da Deputación, José Antonio García, censurou onte que o PSOE e o BNG estean a ofrecer un “espectáculo lamentable” na Deputación de Lugo no que só imperan os intereses particulares e non o interese xeral da provincia. O deputado considera que socialistas e nacionalistas evidencian “co circo político que teñen montado estes días” que os cidadáns e os problemas da provincia non figuran na súa axenda.
“Agora falan de negociacións cando se supón que levan tres meses para pechar un Goberno e que xa chegaran a un acordo. Estanlle dando as costas aos cidadáns con pactos escuros e acordos na sombra e, o que nos parece máis grave, desatendendo as necesidades desta provincia preocupados unicamente polo rédito persoal que cada un dos membros do Goberno vaia sacar desta nova alianza de perdedores”.
O deputado do PP considera “inaudito” que socialistas e nacionalistas estean outra vez enfrontados “cando só pasaron 24 horas desde que accederon á presidencia da institución”. “Parécenos unha tomadura de pelo de cara os cidadáns e a forma máis ruín de deslexitimar a unha institución que ten como cometido velar polos intereses de todos os veciños e veciñas da provincia”.
García aseverouou, “Fanlle dano á institución, á política e aos representantes de todos os cidadáns. Non só non se poñen de acordo se non se contradín en asuntos tan relevantes como a composición do novo Goberno e carecen de proxecto. Mentres, continuou, o PP xa estaba dando resposta desde o primeiro día da súa chegada á Deputación”.