A edil do BNG – Asembleas Abertas no concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou hoxe, logo o remate das festas do San Froilán, que o BNG – Asembleas Abertas pedirá que se convoque unha xuntanza da comisión de festas no primeiro trimestre do vindeiro ano.
Ferreiro apuntou que “é necesario actualizar determinados aspectos no relativo á organización das festas patronais de Lugo para adaptalas aos tempos que corren” e informou que levarán unha proposta á comisión para modificar o sistema de adxudicación dos postos do recinto feiral “aproveitando que no ano 2016 toca volver sacar a concurso os postos”.
A concelleira nacionalista asegurou que “o concello debe traballar con barraquistas e hostaleiros para adaptar o San Froilán á realidade da situación económica actual” e explicou que “se perdemos casetas de polbo e atraccións no recinto feiral o San Froilán perde gran parte do seu atractivo”.