A Xunta inviste preto de 124.000 euros na comarca da Ulloa

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, supervisou está mañá no Concello de Antas de Ulla, xunto co alcalde, Javier Varela, as obras de mellora acometidas en varias vías estradas que foron cofinanciadas pola Xunta.

Arias mostrouse moi satisfeita co resultado destas actuacións e manifestou que “a Xunta aposta pola colaboración cos concellos para facer posible que o entorno rural conte con servizos e infraestruturas axeitadas aos tempos nos que vivimos”. A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza investiu este ano un total de 123.800 euros en mellorar infraestruturas nos concellos da comarca da Ulloa.

As obras executadas en Antas, que segundo indicou a delegada territorial “son un exemplo máis do compromiso do goberno galego con este municipio”, consistiron na reparación dos accesos a varios núcleos, “o que vai repercutir de forma positiva na mobilidade dos seus habitantes”. Trátase, en concreto, do acceso a Arcos; a Verín e Lebesende; e a Santa Cristina, Hermide e Bellós. O costo das obras ascendeu a 48.400 euros, dos que 32.000 euros foron aportados pola Xunta.

Vicepresidencia tamén cofinanciou con 22.000 euros, ao abeiro da Orde de Infraestruturas de Uso Público, a pavimentación da rúa Álvaro Cunqueiro de Monterroso. No Concello de Palas de Rei sufragou boa parte do investimento preciso para o acondicionamento dunha vía de acceso á praza de Galicia e dunha praza pública na parroquia de Filgueira, traballos aos que destinou 24.800 euros dos 38.000 euros mobilizados para a execución das obras.

A este mesmo concello, aínda que no marco do Fondo de Compensación Ambiental 2015, a Xunta destinou 45.000 euros para subvencionar o grupo de vixilancia ambiental que comparte co municipio coruñés de Melide, e que supoñen o 75% do orzamento necesario para a posta en marcha do servizo.

Doutra banda, Arias, participou hoxe en Guitiriz no acto de inauguración do obradoiro Asistencia Chaira Sur, no que traballan e se forman 15 mozos en atención socio sanitaria a persoas no domicilio, e que está financiado pola Xunta con 130.000 euros.

Arias estivo acompañada pola alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, concello promotor deste obradoiro, e os rexedores de Begonte, José Ulla; Rábade, Francisco Fernández, e Xermade, Roberto García, que tamén están adscritos a esta iniciativa. A delegada instou aos participantes a “aproveitar esta oportunidade” de formarse ou mellorar as súas competencias curriculares ao tempo que reciben unha remuneración polo traballo que realizan. “Nun ámbito, ademais, como é a dependencia, que está a ser”, segundo recalcou, “un dos nichos máis dinámicos no que atinxe á creación de postos de traballo”.

Asistencia Chaira Sur é un dos cinco obradoiros que se están a desenvolver na provincia de Lugo ao abeiro da orde que, baixo a denominación YEI, aplicouse este ano por primeira vez especificamente dirixida a menores de 30 anos en situación de desemprego. A Xunta adica ao seu desenvolvemento, do que se benefician en conxunto 75 alumnos traballadores e no que están implicados 16 concellos, 653.228 euros.

En total, a Xunta de Galicia adica 2,5 millóns de euros ao desenvolvemento de 15 obradoiros de emprego na provincia (cinco deles YEI) dos que se benefician preto de 300 alumnos traballadores e nos que están implicados 42 concellos.

Outros obradoiros YEI

Operacións auxiliares de albanelaría de fábricas e cubertas e traballos de carpintería e moble é a especialidade que se imparte no obradoiro Ulla-Miño III que comparten os concellos de Palas de Rei, Portomarín, Antas de Ulla e Taboada.

Caíño Tinto, no que están implicados Pantón, O Saviñao e Sober, céntrase nas repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e na montaxe e instalación de construcións de madeira.

No obradoiro compartido por Baralla, As Nogais, Láncara e Triacastela, Neira de Jusa III, impártense as especialidades de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e operacións de formigón.

Por último, o programa mixto de emprego Ría do Masma que se está a desenvolver no concello de Foz céntrase na instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com