O Presidente, Darío Campos Conde, reuniuse este martes con todos os representantes sindicais, sendo un total de 23 membros de UGT, CC.OO, CSIF e CIG que conforman a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa, aos que Campos Conde lles quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade, posto que “a normalidade voltou á Deputación”, así como tenderlles a súa máxima colaboración.
Campos Conde tamén mantivo hoxe un encontro cos traballadores de Vías e Obras, Recadación, Cooperación e Asistencia aos Concellos e Centro de Artesanía e Deseño. Esta semana, fará o mesmo cos profesionais do Parque Móbil e da Fundación TIC. O Presidente rematará deste xeito a primeira rolda de reunións coa totalidade do persoal da Deputación logo de visitar o pasado venres os departamentos provinciais que se sitúan no Pazo de San Marcos.
Pola súa banda, o voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Carlos Armesto, instou hoxe aos deputados nacionalistas na Deputación de Lugo, Antonio Veiga e Xosé Ferreiro, a que se pronuncien sobre se apoiarán un Goberno da Deputación con imputados. “Deben respectar aos lucenses e darlles a cara, xa que tanto os cidadáns como os seus votantes merecen explicacións e transparencia”, engadiu.
Armesto cre “necesario que os deputados nacionalistas rompan o seu silencio logo de que o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, lembrase o código ético do seu partido e delegase tanto en Veiga como en Ferreiro, o apoio ou rexeitamento ao organigrama provincial, tendo en conta a maiores, que os socialistas reafirmáronse en que todos os deputados terían responsabilidades de goberno, incluído un dos imputados, Manuel Martínez”.
O voceiro dos populares urxe a que os nacionalistas clarifiquen cal vai ser a postura do BNG na Deputación de Lugo. “Van desautorizar ao seu dirixente e incumprir co seu código ético ou pola contra rompen co bipartito na administración provincial?”, pregúntase Armesto quen considera de necesidade que “se poña fin ao espectáculo que se está a vivir e que só está a danar a imaxe dunha institución pública ao tempo que desatenden os dereitos dos lucenses, que deben coñecer todos os asuntos escuros que se esconden detrás destas negociacións”, concluíu.