A oposición solicita ao Concello o informe técnico sobre a posibilidade de cobrar o IBI a Igrexa

Esta mañá os voceiros de todos os grupos da oposición (exceptuando a Jaime Castiñeira, que se atopaba no Parlamento por mor do Debate do Estado da Autonomía, en representación do cal acudiu a concelleira Isabel Devesa) mantiveron na Sala de Xuntas do Concello a reunión sobre ordenanzas fiscais convocada por Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida, cuio obxectivo entre outros, foi axilizar a aplicación do IBI á Igrexa, á vista dos puntos en común neste sentido amosados públicamente por parte de tódalas forzas políticas da corporación.

ACE-EU lamentou a ausencia da responsable da Área de Economía, Ana Prieto Nieto, que declinou asistir aínda que a súa participación na xuntanza fóra solicitada para informar ao resto dos grupos dos pasos que o Concello está a dar en relación á futura aplicación do IBI á Igrexa católica.

Precisamente, os representantes de tódolos grupos municipais reunidos (ACE-EU, BNG, Ciudadanos, Lugonovo e Partido Popular) acordaron solicitar oficialmente ao departamento encabezado por Nieto que poña a súa disposición os resultados do traballo elaborado polos técnicos con respecto á posibilidade de cobrarlle á Igrexa Católica o IBI daquelas propiedades que teñan unha finalidade ou uso industrial ou lucratrivo, tal como o voceiro do PSOE, Miguel Fernández, declarou en rolda de prensa o pasado mércores 7 de outubro, que xa estaban a estudar.

O voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, quixo amosar a súa preocupación polo feito de que o equipo de goberno aínda non enviase documentación nin convocase ningunha xuntanza para abordar as taxas, prezos e impostos municipais do vindeiro ano, así como os orzamentos para o próximo exercicio, cando se asegurou que se comezarían a tratar en setembro.

“Tememos que coa proposta das ordenanzas fiscais para 2016 do goberno aconteza o mesmo que acaba de acontecer coas contas xerais de 2014, que se convocou un pleno extraordinario para aprobar in extremis a contabilidade só 24 horas antes de que expirase o prazo para presentala ante o Tribunal de Contas, e que deste xeito un tema tan importante se trate de forma acelerada e sen tempo material para presentar alegacións tanto por parte dos grupos municipais como da cidadanía, por culpa da constante improvisación do equipo de Lara Méndez”, expresou Portomeñe.

Nese senso, ACE-EU ten moitas propostas de modificación das ordenanzas fiscais, nas que cre imprescindible incluír criterios de nivel de renda, como xa plantexou na súa moción de progresividade fiscal rexeitada por PSOE e PP no último pleno ordinario; tales como subir o tipo diferenciado do IBI ás grandes empresas e superficies comerciais ou aumentar de 284,23 a 3.500 euros a cuantía que o Concello cobra actualmente á banca polos caixeiros automáticos con acceso á vía pública.

Noutros municipios gobernados polo PSOE, como Ribadavia e O Carballiño, xa ingresan dende hai tempo 2.920 euros por caixeiro ao ano, e Viveiro vén de aprobar no pleno da semana pasada unha moción para gravar aos caixeiros con 3.000 euros.

O voceiro do BNG-Asembleas Abertas, Rubén Arroxo aproveitou a xuntanza para pedirlles aos voceiros dos grupos municipais a súa sinatura a favor da iniciativa veciñal que reclama a eliminación da barreira que impide acceder dende o parque Marcos Cela ata ás inmediacións do río Miño.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com