O Centro de Convivencia de Fingoi acolle a exposición itinerante Mulleres. Protagonistas do Desenvolvemento da Fundación Jóvenes y Desarrollo, logo de recibir a visita de máis dun cento de persoas en tan só 3 días no Centro de Convivencia Maruja Mallo.
Trátase dunha mostra gratuíta composta de 4 paneis, na que se analiza a situación da muller en torno a catro ámbitos de vital importancia no desenvolvemento dos pobos: saúde, educación, equidade e economía. Na mostra, que a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, cualificou como unha “oportunidade única para reflexionar sobre a situación das mulleres no mundo, principalmente nos países menos desenvolvidos”, toman como exemplo a realidade da muller africana, elección motivada pola graviade e vulnerabilidade da súa situación.
Esta tarde, ás 19:00 horas, terá lugar unha mesa redonda-coloquio dirixida ao público en xeral, da man de persoas voluntarias que visitaron os países do Sur, que darán unha visión das mulleres nos mesmos. Ao finalizar ofreceranse produtos de comercio xusto co fin de achegar esta ferramenta de cooperación á cidadanía.
Horarios da exposición
Mulleres. Protagonistas do Desenvolvemento poderase visitar ata o 20 de outubro, de luns a venres, en horario de 08:30 a 14:30 horas e de 16:00 a 22:00 horas; os sábados de 09:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas, e os domingos, de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é de balde.