“Unha xestión sen opacidade na que os veciños sexan actores partícipes, ademais dos principais beneficiarios; que esté fundamentada na información pública como ferramenta máis eficaz contra políticas clientelares e que fomente a responsabilidade e a concienciación cidadá”.
Estes son os argumentos que definen a liña a seguir polo Grupo Municipal Lugonovo e nos que se basea a pregunta que levará ao vindeiro Pleno sobre os traballos desenvolvidos, ata o de agora, pola Comisión creada en xaneiro que se encarga de estudar e mellorar a posta en práctica da Lei de Transparencia no Concello.
O seu portavoz, Santiago Fernández Rocha, apunta que “queremos saber cales son as conclusións obtidas por este equipo, e tamén cales son as medidas que o goberno porá en marcha para recuperar os índices de transparencia que tanto decaeron nos últimos tempos”.
“Dende Lugonovo apóstase polo dereito á información, que recolle tanto a lexislación internacional (a Declaración de Dereitos Humanos e o Convenio Europeo sobre Acceso aos Documentos Púbicos) como a propia Constitución así como por aqueles valores que fomenten a integridade e a eficacia das institucións, contribuíndo a reforzar a súa lexitimidade”.
“Trátase de abrir as fiestras deste Concello para pór á vista de toda a cidadanía qué decisións se toman, cómo éstas se aproban e se executan e cómo podemos avaliar os seus resultados. Todo isto, considerado sempre coma un síntoma de bo goberno e de credibilidade. A corrupción, a principal lacra para o normal funcionamento da democracia, prospera coa opacidade nas decisións públicas. Entendemos que a transparencia é unha medida esencial para prevela.”.
Para o Grupo Municipal Lugonovo a administración local, por ser a máis próxima á cidadanía e tamén a que mellor a representa, ten que ser a primeira en dar exemplo como referente de rigor e claridade na súa xestión, por iso insta ao e xecutivo a camiñar na vía do diálogo e a aumentar o control e a supervisión dos servizos municipais.