Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida, presentará no vindeiro pleno unha moción para solicitar do goberno da Xunta a retirada do Anteproxecto da nova Lei do Solo de Galicia, actualmente en trámite no Parlamento, “que recupera o modelo de liberalización e especulación salvaxe co solo e se afasta do paradigma de sustentabilidade da lexislación básica estatal en vigor e mesmo do modelo territorial definido nas Directrices de Ordenación do Territorio”.
“Ante a opacidade con que o goberno do PP levou a cabo a redacción do documento, ACE-EU insta a iniciar un novo proceso de participación que conte coas achegas de colectivos, asociacións e técnicos con coñecemento na materia, para a elaboración dun novo texto que parta dun modelo sustentable e que respecte o patrimonio arquitectónico, natural e paisaxístico; xa que o texto presentado non é nin sequera coherente co resto do ordenamento xurídico no que se ten que inserir, polo que produce conflitividade e inseguridade xurídica”.
De saír adiante o contido do Anteproxecto de Lei do Solo de Galicia, daráse carácter legal a actuacións “tan graves” como que calquera solo rústico sexa susceptible de ser reclasificado como urbanizable, tanto se se trata de solo rústico común (art. 30.3) coma se é solo rústico de especial protección (art. 31.5), “pois aínda que se mantén a distinción formal entre esas dúas categorías, ambas quedarán sometidas aos usos e condicións de edificación que corresponden ao solo rústico común. Reduciráse a protección do solo rústico ao pasar a ser concibido como un espazo residual excluído da planificación, e deixarán de protexerse os bosques autóctonos e os montes protectores e os declarados de utilidade pública pola Lei de Montes de Galicia do 2012”.
Tamén quedarán excluídos os espazos de protección ambiental e paisaxística delimitados polo modelo territorial establecido no Plan de Ordenación do Litoral de Galicia do 2011, e se suprime a distinción entre o solo urbanizable delimitado ou programado e o non programado, como medida liberalizadora do solo.
Para ACE-EU “esta reforma non ten sentido, cando resulta evidente que o principal problema dos concellos galegos non é a escaseza de solo urbanizable e de vivendas, senón o exceso e a infrautilización dos mesmos. E polo tanto, o obxectivo do planeamento non debe ser xa o de seguir incentivando o crecemento urbano, senón o de planificar a reutilización do stock de solo e vivendas xa existente, para redimensionalos e atender ás importantes necesidades insatisfeitas da cidadanía, como a revitalización da medio rural e o acceso universal a unha vivenda digna”.
“Esta nova lei non só supón un ataque frontal ao entorno natural e rural das nosas vilas e ciudades, senón que redunda nas causas que provocaron a crise económica, que tivo como detonante e edificación desaforada da burbulla inmobiliaria”, remarcou Carlos Portomeñe.
“Precisamente, a nova lei facilitará aínda máis as recalificacións pola vía das modificacións do planeamento, eliminando os controis que establecía a lexislación anterior, como o informe vinculante da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia que se esixía para as modificacións que afectaban a zonas verdes e espazos libres públicos ou a solo rústico de especial protección. A reclasificación do solo rústico a solo de núcleo rural non precisará xa a tramitación da modificación do plan, senón dun simple expediente administrativo (art. 77.3)”.
Segundo ACE-EU, este anteproxecto debilita as potestades da Administración para previr e desfacer as actuacións urbanísticas ilegais, ao diminuir as facultades da inspección urbanística (art. 161) e recortar as competencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (arts. 6 e 175), ao suprimir a demolición de obras sen licenza en determinados supostos (art. 162.3.b), reducir o prazo de prescrición das sancións impostas (art. 171) e ao eximir de responsabilidade aos técnicos que informaron favorablemente a concesión de licenzas ilegais (art. 172.2).
Doutra banda, afirman que o anteproxecto “resulta especialmente agresivo coa autonomía municipal. Así, elimina a potestade do planificador urbanístico para establecer a ordenación do solo rústico (art. 55.2) e desempodera aos concellos para tramitar e aprobar os plans especiais que establecen a ordenación urbanística de sistemas xerais (disposición adicional 5a).
“Ademáis, reforza o papel do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para posibilitar a transformación urbanística do solo impoñéndolla ao Concello (disposición adicional 4a) e elimina a intervención municipal previa ao inicio de determinadas obras e usos do solo”, concluíu Portomeñe.