Se algo preocupa na actualidade como máximo tema que nos poida afectar, é o fenómeno da xubilación, as pensións, as cuantías destas e a súa evolución de cara ao futuro. O tema preocupa algo menos aos xa xubilados, como é o meu caso que levo algo máis de tres nunha situación que estimo confortable, que aos próximos a xubilarse, ou os que contemplan a xubilación na distancia, por non saber por onde “respira” a economía social ou macroeconomía.
Moi lonxe quedan os tempos –sen embargo tan cercanos- que todos os bancos alixeiraron nóminas xubilando xente aos cincuenta e poucos anos, o mesmo ca outras grandes empresas ou institucións, véndose na actualidade que é materialmente imposible manter o sistema por debaixo dos sesenta e cinco anos, téndose tomado a medida prácticamente de emerxencia de ir aumentando a cifra ata os sesenta e sete anos, de xeito paulatino, para ir axustando desexos con realidades.
Xa nos teñen convencido de que de paso que se aumentan os anos de vida activa, se incrementa o número de anos de cotización, e se calculan de forma diferente os importes das futuras pensións, estas van ser máis baixas que as actuais, e irán axustándose á evolución da economía que, a pesar dos anunciados hai tempo brotes verdes, segue sometida a unha prolongada seca.
Nesto, que se celebra na Coruña, o congreso anual da Confederación Española de Directivos e Executivos, na que interveu o magnate mexicano das telecomunicacións Carlos Slim, que aboga pola reducción da semana laboral de cinco a tres días, con xornadas de once horas, e por non xubilarse ata os 75 anos, para evitar a quebra do sistema. Algo debe saber este bon home de economía cando está considerado a segunda fortuna do planeta terra, e como tal afortunado, un dos que marcan os camiños por onde anda a nosa economía, e polo tanto as nosas vidas.
Tomemos nota de por onde van os tiros… A verdade é que os sesenta e cinco anos de hoxe non son os de hai corenta ou cincuenta anos, e os que agora nos xubilamos aínda estamos dun relativo bon ver, pero ampliar o traballo ata os 75 parece abusar un pouco do traballador para exprimilo ata que non dea máis de si. Nin para descansar.