Lugonovo urxe ao Concello a reordenar o tráfico en Fontiñas

“Día si e día tamén o caos é o cualificativo que mellor define a situación do tráfico en Fontiñas. Por esta estrada, eminentemente residencial, circulan cada xornada non só os veciños que viven nas proximidades, senón tamén os buses urbanos, os autocares que transportan ós alumnos do I.E.S San Xiao, e as ambulancias para as que semella non haber espazo, e que obrigatoriamente teñen que diminuír a súa velocidade, con independencia da urxencia que leven, adaptándose á intensidade de vehículos que nese momento haxa na calzada”.

Son as palabras do Grupo Municipal Lugonovo, que hoxe amosou a súa sorpresa e preocupación porque nos orzamentos autonómicos do 2016 dados onte a coñecer, non exista ningunha partida destinada á construción da Rolda Leste, unha vía que aliviaría substancialmente o panorama antes relatado.

Segundo o seu portavoz, Santiago Fernández Rocha, “resulta incomprensible que non se vaia a invertir nin un só euro nunha das infraestruturas máis importantes para o municipio, pero igualmente intolerable é que o Concello quede de brazos cruzados e non presione á Xunta para esixirllo. Éste é, sen dúbida, un contexto propicio: é o momento de visibilizar se a alcaldesa está disposta a defender os intereses da cidade e o momento tamén, de que aproveitando que os fondos europeos estarán en vigor ata o 2020 e que permiten financiar ata o 60% do proxecto, se lle dé continuidade a Rolda Norte coa Leste. Lugo non merece menos”.

A ausencia desta obra está a ter, para o Grupo Municipal, importantes consecuencias que afectan, en maior medida, á Avenida das Fontiñas, arteria principal, no sur da cidade, cara ó Hula.

“A súa ubicación condiciona a maioría dos usuarios a ter que empregar esta rúa como acceso ao Hospital o que comporta a saturación da mesma e deriva en situacións de risco para os pacientes que trasladan as ambulancias cando éstas quedan taponadas nun dos frecuentes atascos que alí se rexistran”.

Os edís de Lugonovo, instan ó Concello a que “namentres a Rolda Leste non se faga realidade, adopte na zona medidas urxentes de reodenación do tráfico. Unha delas pode ser a de reforzar a presenza policial nas horas de maior afluencia de circulación, coincidindo cos horarios escolares, etc… pero tamén creemos convinte a necesidade de que o equipo de goberno estude a posibilidade de habilitar unha sorte de carril de emerxencias na marxe esquerda das Fontiñas con dirección ao Hula, buscando unha alternativa no contorno próximo para as prazas de estacionamento que se eliminarían ao efecto”.

Dende a súa confluencia ca Rolda das Mercedes e aproveitando o itinerario da mesma ata chegar ó desvío da estrada da Fonsagrada, o Grupo Municipal Lugonovo, suxire a posibilidade de liberar de aparcamentos a parte esquerda da calzada, delimitándoa con estruturas móbiles que impidan o tránsito ordinario.

“Tampouco estaría de máis, en puntos moi concretos da Avenida, e co fin de garantir a seguridade dos camiñantes, reubicar algúns dos colectores que foron colocados á beira dos pasos de peóns impedindo a súa visibilidade cando inician o cruzamento”.

Asemade, Lugonovo recórdalle á rexedora que “resulta de vital importancia intervir sen dilación en San Eufrasio, tamén de titularidade autonómica, un punto para o que urxe atopar solución debido a que nel conflúen varias rúas, e no que esa multidireccionalidade e a densidade que soporta supoñen un grave perigo para os condutores”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com