O goberno municipal esixe á Xunta que cumpra cos compromisos adquiridos con Lugo

O goberno municipal defenderá no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o 29 de outubro, unha proposición para esixir á Xunta de Galicia que incremente as partidas orzamentarias do 2016 para que se vexan cumpridos os compromisos adquiridos por Feijóo co municipio.

Así o avanzou este xoves o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen explicou que na proposición o Goberno insta á Corporación a “manifestar o rexeitamento” aos Orzamentos 2016 por considerar “que discriminan á cidadanía de Lugo e por esquecerse, unha vez máis, dos problemas reais do concello”, ademais de urxir ao Goberno galego “a cumprir cos compromisos adquiridos coa cidade, compromisos históricos e de necesario cumprimento para os lucenses”.

O Executivo local esixe neste senso a dotación do servizo de Hemodinámica 24 horas e a posta en marcha de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA, que se atendan as reivindicacións dos veciños da Residencia para revitalizar o barrio, a ampliación das prazas de gardería de ámbito autonómico, o financiamento do 50% dos traballos de conservación do cuartel de San Fernando, a creación do Museo da Romanización, a construción da Ronda Leste, unha partida para a estación intermodal -como prevé a Xunta para Santiago, A Coruña, Vigo e Ourense- o plan de rehabilitación da Tinería, a conservación da Muralla e a continuidade do plan Paradai.

“Os orzamentos presentados pola Xunta de Galicia para o ano 2016 son electoralistas e irreais, froito dunha acción dun goberno esgotado e só preocupado en castigar aos lucenses, que nin ten proxectos nin iniciativas para a nosa cidade”, destacou Fernández, ao tempo que fixo fincapé na “falta de compromiso” do goberno de Feijóo con Lugo, “a única provincia das catros galegas que ve como cae o investimento por habitante, dispoñendo dun 2,7% menos de inversión a nivel global”. “Feijóo non ofrece ningún proxecto aos lucenses para o 2016, senón que ignora os reiteradamente comprometidos e así o reflexan as contas autonómicas para o vindeiro ano”, asegurou Fernández.

“O Concello está sempre ao lado dos veciños, apoiando as súas reivindicacións, non como fan outras administracións que os enganan e abandonan, tratándoos como cidadáns de segunda”, asegurou o voceiro. O equipo de goberno confía en que os grupos da oposición apoien esta iniciativa plenaria “por responsabilidade coa cidadanía e coherencia”, pois os veciños e veciñas “merecen uns representantes políticos que por riba de todo defendan os seus intereses”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com